A Axencia Tributaria advirte de intentos de fraude en liña suplantando a súa identidade

martes, 5 de xuño do 2012 Raquel Noya

Agora que estamos en plena época de presentar a declaración da renda e cumprir coas nosas obrigas fiscais como bos cidadáns, son moitas as persoas que aproveitan as vantaxes da plataforma en liña da Axencia Tributaria para render contas con Facenda sen ter que perder tempo e cartos achegándose ata as instalacións físicas, e tamén son moitas as que, valéndose do descoñecemento xeneralizado do uso das TIC por parte dun sector da poboación, aproveitan a ocasión para intentar sacar tallada económica disto.
Anúnciao a propia Axencia Tributaria na súa web, onde indica que se están a dar casos de suplantación de identidade, nos cales, mediante envíos de comunicacións masivas por correo electrónico, os malfeitores fanse pasar por directivos da Axencia Estatal de Administración Tributaria, para enganar aos contribuíntes.
As diversas tentativas de engano fan referencia, segundo a AEAT, “a supostos reembolsos de impostos inexistentes” nos que se lle pide ás persoas estafadas indicar os datos das súas contas bancarias e tarxetas de crédito, dos que se aproveitarán posteriormente os remitentes.
Este tipo de fraudes son detectados, en moitas ocasións, grazas á colaboración dos internautas, que se poñen en contacto cos servizos de información da Axencia Tributaria para que esta tome as medidas necesarias inmediatamente.
Neste sentido, a Axencia Tributaria lembra que a mellor medida é “a prevención dos usuarios perante comunicacións sospeitosas que inclúan a petición de datos bancarios”, e insiste en que a entidade pública nunca solicita por correo electrónico información confidencial, económica ou persoal, nin números de conta, nin de tarxetas dos contribuíntes.
Tampouco paga devolucións con cargo a tarxetas de crédito, nin cobra importe algún polos servizos que presta.
Tamén avisa de que os dominios reais da Axencia Tributaria son: www.aeat.es , http://www.agenciatributaria.es e www.agenciatributaria.com, dende os cales o usuario é redirixido segundo as súas necesidades a outras plataformas ligadas á entidade.
En caso de que ter algunha dúbida sobre a autenticidade de calquera e-mail ou sitio de Internet que afirme estar remitido ou ser propiedade da Axencia Tributaria, esta recomenda contactar con eles no Centro de Atención Telefónica do Departamento de Informática Tributaria, a través do 901 200 347, para verificar a súa autenticidade e, de ser o caso, proceder á denuncia.

PUBLICIDADE