A Aula TIC PEME adestrará a empresas e autónomos en posicionamento web
martes, 22 de xaneiro do 2019
A
Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vainos
achegar os días vindeiros a todo o que debéramos saber para tirar
proveito do factor visualizador das tecnoloxías e dos novos servizos
de comunicación dixitais: a súa capacidade, de usalas ben, para dar
a coñecer a nosa empresa en todos os ámbitos nos que poida
interesar. Estamos
a falar da terceira edición do obradoiro en liña Impulsa a túa
empresa en Internet: Redes Sociais e Posicionamento Web. O
taller, cen por cen virtual e artellado en base a actividades
prácticas, desenvolverase os días 4 de febreiro e 20 de marzo.
Segundo
informa a aula, con este curso os participantes aprenderán a
xestionar cunha ampla marxe de éxito as principais redes sociais,
Facebook, Twitter e Instagram, de xeito que a presenza da empresa nas
mesmas incida de forma altamente positiva na imaxe e resultados a
acadar. “Trátase dunha actividade altamente demandada no mercado
laboral na actualidade, polo que pretendemos cubrir con esta
formación un dos perfís que están a solicitar as empresas dentro
do seu persoal”, engaden os responsábeis da aula da USC,
explicando que outra das vertentes da actividade tamén se se
centrará en avaliar a fondo as ferramentas necesarias para optimizar
o posicionamento dun sitio web, mellorando a visibilidade do mesmo
nos resultados dos diferentes buscadores (o que na súas siglas
inglesas denomínase SEO, Search Engine Optimization).
O
curso desenvolverase con formato online, cunha duración total
de 50 horas, a través dun espazo virtual habilitado para este fin no
cal os participantes dispoñen dos materiais e da documentación
necesarios. Cada participante contará cun titor que supervisará de
forma pormenorizada a súa evolución e solucionará todas as súas
dúbidas.
O
obradoiro diríxese principalmente a PEME e autónomos, se ben pode
ser realizado por calquera persoa maior de 16 anos. Unha vez superado
con éxito, será entregado a cada participante o correspondente
diploma acreditativo da Universidade de Santiago de Compostela. O
prezo xeral da actividade formativa é de 90€, aínda que calquera
persoa vinculada no presente ou pasado coa USC (persoal, estudantes,
investigadores, etc.) pagará 50€. Amais, hai unha serie de
descontos especiais para grupos e actualmente estase a sortear unha
praza de balde no
Facebook da Aula TIC PEME.