A Aula Newton da Tecnópole completa as súas prazas para os centros de Secundaria

venres, 6 de maio do 2022 Anxo Sesto

Os centros de Educación Secundaria de Galicia amosaron un elevado interese por participar nas actividades da Aula Newton, localizada no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole (Ourense), o que propiciou que as 21 sesións previstas ata o mes de xuño teñan xa pendurado o cartel de completo para o presente curso escolar.
A Aula Newton Galicia foi inaugurada o 19 de outubro de 2021 e é a única en España. Está dirixida a estudantes de 3º e 4º da ESO e ofrece unha formación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (siglas de STEM) mediante dinámicas de grupo nas que os estudantes reflexionan, exploran, debaten e colaboran en materias STEM.
Na Aula, que está aberta os venres durante o curso escolar de 10:00 a 14:15 horas, desenvólvense as actividades de Voando con números: unha aventura aérea, que trata sobre unha misión de rescate a través dun plan de voo e simuladores avanzados; e outra actividade complementaria de iniciación ao voo e construción de drons. No primeiro trimestre de actividade da Aula Newton Galicia participaron nas sesións preto de 300 alumnos e alumnas de 9 centros de secundaria galegos. Esta é unha iniciativa pioneira en España que se enmarca no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, no que colaboran Boeing e a Xunta de Galicia.
O concepto Newton foi desenvolvido por First Scandinavia e céntrase en que o maior número posíbel de nenos e nenas vivan unha experiencia agradable e gocen dunha sensación de dominio nas materias de ciencias.

PUBLICIDADE