A Aula CeMIT de Ames organiza tres cursos formativos para os meses de maio e xuño

venres, 28 de abril do 2023 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de maio e abril, con dous cursos para adultos e un curso dirixido á cativada. Os contidos impartidos abranguen aspectos como aprender a buscar na Rede, a creación dun blog persoal ou os primeiros pasos cun computador. A inscrición aos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).
Cursos para adultos
Ofértanse dous cursos para adultos, un con carácter presencial, e outro online. O 29 de maio poñerase en marcha Atopa na Rede: busca avanzada en Internet!, que se estenderá ata o 23 de xuño. Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a buscar ben na rede achegándose a conceptos como que buscador se adapta mellor ao que precisamos, o uso de filtros ou a busca con Intelixencia Artificial. O curso terá lugar os luns, mércores e venres en horario de 10:00 a 12:00 horas. Ofértanse un total de 13 prazas.
Xa de maneira online impartirase o curso Crea o teu blog persoal! O curso terá lugar entre o 5 de maio e o 28 de xuño. Poderase seguir a través de retransmisións de Youtube todos os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.
Crea o teu blog persoal! é un curso centrado na creación dun blog persoal, comezando dende a configuración básica ata opcións de deseño máis avanzadas. Empregarase Blogger como plataforma de exemplo.
Cursos para menores de idade
Para os nenos e nenas ofrécese, o curso Os meus primeiros pasos co ordenador. Trátase dun obradoiro de iniciación á informática pensado para nenos de 5 a 7 anos. Terá lugar dende o 9 de maio ata o 8 xuño, de xeito presencial, os martes e xoves de 17:15 a 18:15 horas.
A cativada aprenderá a manexarse co ordenador mentres se divirte xogando. Este curso servirá como base para que poidan realizar novos cursos chegado o verán.
A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns). Os nenos e nenas deberán estar previamente rexistrados na Rede CeMIT para participar neles. O rexistro pódese facer na propia aula ou de maneira online, accedendo a través desta ligazón.

PUBLICIDADE