A Aula CeMIT de Ames inicia os seus cursos de informática

venres, 8 de setembro do 2023 S. P.

Neste mes de setembro a Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames retorna a súa actividade en horario habitual. A súa oferta formativa para o último cuadrimestre do 2023 inclúe oito cursos (cinco para adultos e tres para rapaces e rapazas. As inscricións poden facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo cemit.ames@xunta.gal, premendo na ligazón habilitada, chamando ao número de teléfono 682 373 753 ou na Casa da Cultura de Bertamiráns (primeiro andar, praza de Chavián).
Indo aos cursos da aula CeMIT, dicir que neste último terzo do ano abranguen contidos tanto para persoas alleas ao mundo da rede (Iniciación á Informática ou Introdución á Administración electrónica) como para persoas cun nivel máis avanzado (edición de imaxes, creación de CV...). No caso da cativada, haberá cursos de nivel básico de informática e de mecanografía.
Así, a primeira das formación achegadas pola aula CeMIT para adultos é Crea o teu CV a medida!, que terá lugar o luns 11, o mércores 13 e o venres 15 de setembro, de 10 a 12 horas. Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a realizar un bo currículo para a busca de emprego. Estudarase o proceso completo: dende a creación dunha autoanálise para decidir que poñer no CV até o momento de escribir unha carta de presentación a unha empresa. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido creando un currículo propio coa axuda dun profesor.
Asemade, ofértase tamén o curso Busca de emprego a través de Internet!, que se desenvolverá o luns 18, o mércores 20 e o venres 22 de setembro, de 10 a 12 horas. Neste curso achegaranse trucos e consellos para levar a cabo dita busca, así como recursos para atopar ofertas de todo tipo (portais de emprego, boletíns semanais, uso de redes sociais...).
En canto ás persoas interesadas na Administración electrónica, poderán inscribirse no curso Introdución á Administración electrónica, que vai ter lugar o luns 25, o mércores 27 e o venres 29 de setembro, de 10 a 12 horas. Nel, ensinarase o manexo con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico até os certificados dixitais, Cl@ve e Chave365. Verase como facer para obter cada un deles, así como as súas vantaxes e desvantaxes. Os participantes poderán achegarse tamén á sede electrónica do Concello de Ames e a servizos tan útiles como É-Saúde ou Notifica.gal.
No apartado en liña (online), ofértase o curso Edición de imaxes con GIMP. Será os luns e mércores, de 16:30 a 18 horas, dende o 18 de setembro até o 11 de outubro. Os/as participantes achegaranse a esta ferramenta de software libre e de balde, que serve como alternativa a Photoshop. As aulas servirán para entender as súas bases e desenvolver a técnica de emprego. Só será preciso matricularse e asistir ao directo de Youtube a través do computador. Antes do comezo das clases enviarase por correo electrónico a información precisa para acceder a cada unha das sesións.
Informar que para cada unha das formacións ofértanse trece prazas. O alumnado poderá facer uso da aula aberta tanto antes coma despois de cada sesión para realizar prácticas adicionais ou para consultar dúbidas sobre calquera tema.
No caso dos nenos e nenas, tamén contan cun espazo de formación na aula CeMIT. Entre o 19 de setembro e o 12 de decembro haberá un curso de informática para idades entre 7 e 10 anos, de nivel básico. Desenvolverase os martes, de 17:15 a 18:45 horas. Con el, os máis pequenos poderán aprender sobre as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, Sistema Operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede, introdución á escritura en LibreOffice Writer...
Alén disto, ofértanse dous cursos de mecanografía, ámbolos dous serán entre o 21 de setembro e o 14 de decembro. Para menores de 10 anos, terán lugar os xoves, de 17 a 18 horas; mentres que para maiores de 10 anos se desenvolverá ese mesmo día, de 18 a 19 horas.
Dende o 3 de outubro até o 20 de novembro desenvolverase Iniciación á Informática, todos os martes e xoves de 10 a 12 horas. Trátase doutro curso para adultos, con esta formación búscase achegar conceptos como o manexo do rato e do teclado, a acender e apagar os equipos e a xestión do Sistema Operativo para crear documentos e traballar con eles.

PUBLICIDADE