A Aula CESGA deixa atrás a liña dos 20.000 usuarios

venres, 2 de decembro do 2011 Redacción

Nenos participantes nas escolas rurais 2.0 do CESGA

O Centro de Supercomputación de Galicia vén de facer reconto do acadado a través da súa plataforma gratuíta de aprendizaxe a distancia, apoiada en innovadoras e potentes tecnoloxías de comunicación, a Aula CESGA. Pois ben, a escola-ferramenta de e-learning xa conseguiu, segundo datos que achega o propio centro emprazado no Campus Sur de Santiago, superar a liña dos 20.000 usuarios. A aula, dirixida a favorecer a investigación e máis a divulgación arredor das novas tecnoloxías no ensino, foi posta en marcha en 2002 da man do Departamento e-Learning do CESGA, que procurou en todo intre que fose útil e accesíbel para os docentes e para os investigadores galegos.
Tanto foi así, que a plataforma, ao longo deste tempo, aumentou as súas solicitudes de creación de cursos e espazos de colaboración até chegar aos máis de 700 que arestora están en activo. En total, informa o CESGA, 20.681 usuarios empregan hoxe esta plataforma nun total de 718 cursos de diferentes ámbitos e niveis de ensino. Os motivos deste éxito son moitos e variados, pero para o centro galego cómpre salientar o feito de que se trate dunha ferramenta aberta, versátil e de uso sinxelo. Con estes e outros ingredientes, permíteselle ao docente dispor dun punto “de encontro onde compartir recursos tecnolóxicos e educativos cun grupo de estudantes ou profesores, como unha aula complementaria ás súas clases, accesible as 24 horas do día e cunha administración moi sinxela que fai máis doado o apoio aos alumnos fóra das horas lectivas a través dos foros”.
Os usuarios contan con ferramentas comunicativas, zona de documentación, de traballo en grupo, modificación dos datos do seu perfil, etc. que lles facilitan o seu uso. O docente pode crear e administrar os seus espazos de aprendizaxe desde un navegador, pero tamén intercambiar información e traballar colaborativamente e en grupo con outros docentes para mellorar o seu ensino. Segundo se conta dende o centro galego, “desde 2002 a Aula converteuse en plataforma de referencia para docentes de toda Galicia no que se refire á aplicación de novas tecnoloxías no eido do ensino”. O abano de traballos desenvolvidos ao seu abeiro é ben amplo, con cursos de educación primaria, secundaria, de ciclos ou de universidade. Para facernos unha idea, dicir que arredor de 100 destes cursos están a ser utilizados como contorna de colaboración por profesores e investigadores. “Un caso rechamante”, salienta o CESGA, “é o das Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, que conta con 300 cursos rexistrados na Aula”.

PUBLICIDADE