A Aula AMTIC de Ames organiza un obradoiro de videoxogos e electrónica con Arduino

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), situada na Casa da Cultura do Milladoiro, organiza esta tempada de outono un obradoiro de programación de videoxogos e electrónica con Arduino.
Este taller impartirase en dúas quendas: na primeira estará dirixido a nenos e nenas de 8 a 10 anos. Impartirase os días 27 de novembro e 4 de decembro, en horario de 18.00 a 19.30 horas. Ofrécense un total de 24 prazas. Neste obradoiro os nenos e nenas de 8 a 10 anos deseñaran videoxogos con Bloxels (plataforma de desenvolvemento de videoxogos) e participarán en actividades de robótica cos Robo-Dinos.
A segunda queda estará dirixida a rapaces e rapazas de 11 a 14 anos. Neste caso impartirase os días 11 e 18 de decembro, tamén en horario de 18.00 a 19.30 horas. Ofértanse outras 24 prazas. O grupo de rapaces e rapazas de 11 a 14 anos tamén deseñarán videoxogos con Bloxels e farán prácticas de programación electrónica con sensores e actuadores sobre unha placa de hardware-software libre Arduino.
As persoas que estean interesadas poden tramitar a súa inscrición dende o 15 de novembro. As prazas asignaranse por orde de recepción das solicitudes ata completarse. Para anotarse é preciso enviar esta ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
As inscricións tamén se poden facer de xeito presencial, acudindo ás instalacións da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC), na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: os luns e martes de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 20.00 horas. Os mércores, xoves e venres o horario é de 10.00 a 13.00 horas.
Para consultar calquera dúbida pódese contactar coa AMTIC chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

PUBLICIDADE