A Audiencia Provincial de Madrid confirma que os creadores de software P2P non son responsables do seu uso

mércores, 9 de abril do 2014 Marcus Fernández

Imaxe do xuízo contra Pablo Soto que tivo lugar en 2009

Hoxe notificouse a resolución da Audiencia Provincial de Madrid que ratifica a sentenza favorable a coñecido creador de distintos programas de intercambio de ficheiros a través da Internet, Pablo Soto, de xeito que desestímase a demanda presentada polas catro discográficas máis grandes do mundo, que pedían unha indemnización de 13 millóns de euros por considerar que o software P2P desenvolvido polas compañías de Soto infrinxía a súa propiedade intelectual e constituía un acto de competencia desleal.
A Audiencia Provincial de Madrid considera que “a posición dos demandados, como creadores e distribuidores dos programas de intercambio de arquivos, están á marxe das responsabilidades que poidan esixirse polo uso concreto que se dea dos mesmos”, destacando tamén que “ofertar unha tecnoloxía P2P avanzada non supón incorrer en actos de espolio nin aproveitamento indebido do esforzo alleo” e a actividade de Soto “tampouco supón un acto de obstaculación ao negocio” das discográficas.
Soto, creador de Blubster, ManolitoP2P, Omemo e o buscador Foofind, está satisfeito por esta sentenza tras 6 anos de loita xudicial, e asegura que “estamos decididos a seguir loitando para que as multinacionais, co seu enorme poder e os seus grandes despachos de avogados, non arrasen cos dereitos dos desenvolvedores, os usuarios e os propios artistas”. En consecuencia, hoxe mesmo lanzan a seguinte xeración de Blubster.

PUBLICIDADE