A Asociación Galega de Editores crea unha plataforma en liña de e-books

mércores, 26 de outubro do 2011 Raquel Noya

A día de hoxe, malia que moitas persoas insistan o contrario, falar de libros electrónicos xa non é falar de futuro, nin falar dunha tecnoloxía á medida duns poucos privilexiados; é falar de presente, dun presente con maiúsculas que xa é habitual nos nosos fogares.
E é que, aínda que se poden mellorar (coma todo), os libros electrónicos comezan a comerlle terreo a pasos axigantados aos libros tradicionais e cada vez están máis demandados por persoas de tódalas idades.
E como mostra un botón: sen movernos do noso país, a Asociación Galega de Editores, sabedora de que é preciso apostar pola innovación para seguir achegando cultura a tódolos recunchos do mundo, está a ultimar a posta en marcha dunha plataforma para a venda de libros electrónicos galegos, que leva por nome Elibro-galego.
Trátase dunha plataforma en liña que “podería comezar a funcionar nos primeiros días do vindeiro mes de novembro”, e que dará acollida a tódalas editoras asociadas para vender tanto obras de creación como libros de texto dende a Rede.
A vicepresidenta da AGE, Belén López, afirma para o xornal electrónico que o catálogo dixital da plataforma vai acoller, en principio, “tódalas obras de carácter electrónico que xa teñen as editoras galegas neste momento”, que roldan os cen títulos, e engade que “se renovará a un ritmo de sesenta títulos por ano”.
A plataforma de venda, a fin de que os libros que se descarguen sexan compatibles con calquera lector, incluirá tódolos formatos de libro electrónico que hai no mercado, e contará cun sistema de protección de dereitos de autor de seu, realizado pola empresa galega Enxenio, xerada na Universidade da Coruña.
Asemade, os seus responsables non descartan que a plataforma acolla no futuro outros produtos culturais electrónicos, e que se incorporen (ao actual de tarxeta) outros medios de pago máis acordes co medio, como o PayPal.
Malia que Belén López apunta que de entrada “está asumido que o proxecto non será rendible”, o certo é que os cálculos apuntan que “ao terceiro ano de funcionamento poidamos ver algún tipo de rendemento”, sinala.

PUBLICIDADE