A Asociación Galega de Deseñadores avaliará as vantaxes e eivas da Rede como medio na edición

luns, 28 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Deseñadores (DAG) vai organizar o vindeiro 9 de febreiro, sábado, un encontro sobre as cuestións de meirande actualidade que afectan hoxe en día á profesión de deseñador gráfico, complementando esta ollada actual cun percorrido polo pasado (historia, legado, patrimonio galego) e unha xanela, de amplas e cumpridas dimensións, ao futuro da creación (a Rede e os seus múltiples elementos como ferramentas e acubillos do deseño). O Foro Propostas de avance para o deseño desenvolverase entre as 12.00 e as 20.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela.
O encontro inclúe seis mesas de traballo, cada unha delas abordando outras tantas cuestións de interese para as nosas e nosos profesionais: A web como medio no contexto da edición, Educación e formación en deseño en Galicia, A produción do deseño galego, A comunicación do deseño galego, Historia do deseño galego e a identidade tipográfica e O tratamento do deseño por parte das administracións públicas (contratacións, concursos...).
Polo que atinxe á primeira das mesas, que é a que nos toca en Código Cero máis de preto, dicir que virá da man de Segundo Fernández e Natalia Crecente, que aproveitarán a oportunidade para avaliar colectivamente como afectan os cambios sufridos no noso xeito de acceder á información en eidos como a edición literaria, musical ou artística. Tamén tratarán de identificar (de habelas) as limitacións técnicas, gráficas e sensitivas que presenta este novo xeito de botar man do coñecemento e a creatividade.
As persoas interesadas en participar na xuntanza, informa DAG, teñen que enviar un correo de solicitude (info@asociaciondag.org) antes do 5 de febreiro, especificando ademais a mesa da que queren formar parte. A participación no foro é gratuíta, pero non inclúe o xantar no restaurante do CGAC (13 euros) que deberán abonar os asistentes.
Programa
10 a 12 h: Reunión de socios/as da DAG
(A partir das 12 h o encontro será aberto ao público, ata encher a capacidade da sala)
12 a 13 h: Exploración
Breve exposición dos temas para o debate (máximo 5’). Escoitadas as propostas, os participantes poderán escoller a mesa de debate que máis lles interese.
13 a 14.30 h: Debate
14.30 a 16 h: Xantar
16 a 18.30 h: Debate
Ao final do debate cada grupo extractará unhas conclusións
18.30 a 20.00 h: Conclusións
Tras a lectura das conclusións de cada grupo, para ser compartidas por todos, ábrese unha rolda de preguntas e observacións.

PUBLICIDADE