A Agrupación Ío conmemora no bar Ateneo da Coruña o Día da Muller e a Nena na Ciencia

xoves, 10 de febreiro do 2022 S. P.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío conmemora a celebración deste 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cunha nova iniciativa para divulgar astronomía: Groliños de estrelas. A cita será este venres ás 20:00h no bar cultural Ateneo, onde se celebrará a primeira charla do proxecto Groliños, baixo o título Mulleres Pioneiras.
Máis en detalle, o proxecto Groliños de estrelas: astronomía contada en pequenas doses e boa compaña é unha iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para “levar a divulgación da astronomía aos bares e cafeterías, nun formato de pequenas charlas arredor dun mesmo tema”.
Esta primeira edición celebrarase o venres 11 de febreiro de 2022 ás 20:00h no Ateneo Bar Cultural da Coruña (Reverendo Padre José Álvarez Cabeza, 1 baixo, 15011, A Coruña). Serán, como dixemos, 5 pequenas charlas (5-10 minutos) sobre Mulleres Pioneiras na astronomía.
Desta volta, a charla a desenvolve un dos grupos de traballo da entidade, o GT Muller e Astronomía, que ten como obxectivo mostrar o papel da muller neste eido da ciencia e da divulgación. Na charla participarán Nuria Richer, Paula Neira, Lorena Casete, Iago Varela e Carmen Denébola, cun repaso a referentes femininos da investigación, tanto profesionais como personaxes da ficción infantil e xuvenil que amosan paixón pola ciencia e o coñecemento.
Esta actividade ten lugar polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha celebración impulsada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas dende 2015 para conmemorar e recoñecer a traxectoria de todas aquelas mulleres que teñen contribuído ao avance da ciencia e a tecnoloxía e cuxa historia moitas veces ten quedado no esquecemento.

PUBLICIDADE