A Academia Postal anuncia novos cursos para profesionais TIC cen por cen subvencionados

mércores, 7 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Grupo Academia Postal, a través do seu Centro de Formación PEN, está a organizar unha serie de actividades formativas para fomentar o coñecemento avanzado en novas tecnoloxías en múltiples eidos profesionais específicos. As accións, engade a academia galega, insírense dentro do Plan Avanza 2011-12 do Ministerio de Industria e van dirixidas a profesionais do sector das TIC e das telecomunicacións que estean a levar a cabo o seu labor en pequenas e medianas empresas de Galicia, Castela A Mancha, Andalucía e Estremadura.
Os cursos en cuestión están cen por cen subvencionados e, para quen queira máis información sobre os mesmos, dicirlle que ten todo o relativo ao seu miolo e programación na páxina web do Centro PEN, adxudicatario do proxecto do Plan Avanza. No sitio en liña podemos atopar os formularios precisos para participar nas diferentes actividades, amais de reservar a praza e consultar as datas dispoñíbeis en cada localidade.
O labor do centro de Academia Postal, neste senso, terá feitura de itinerario formativo, abranguendo varias localidades galegas e das ditas comunidades aínda por determinar. O miolo dos cursos é o seguinte: coñecementos e habilidades para instalar, configurar e administrar unha rede de comunicacións e para crear programas estándares específicos. O itinerario, infórmase, compleméntase cun curso de ITIL V3, mellores prácticas da xestión de servizos TIC que, segundo se engade dende o Grupo Academia Postal, achégalle ao alumnado unha visión do negocio das novas tecnoloxías dirixido ao cliente.

PUBLICIDADE