A AXEGA e o CITIC traballan nun proxecto para mellorar con IA a predición e a resposta ante grandes emerxencias

mércores, 13 de decembro do 2023 S. P.

A cidade portuguesa de Porto acolleu este mércores 13 de decembro a presentación do proxecto ATEMPO, centrado en aplicar as vantaxes da Intelixencia Artificial e outras innovacións tecnolóxicas nas grandes emerxencias transfronteirizas. Enmarcado no POCTEP 2021-2027 de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, está impulsado por diferentes institucións públicas e centros de investigación de Galicia, Portugal e Castela e León, incluído o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), referente galego e estatal en intelixencias artificiais e usos prácticos e útiles das mesmas.
Desde a Comunidade galega, é a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a encargada de marcar as grandes liñas de actuación; e o CITIC da UDC, baixo a coordinación do seu director Manuel G. Penedo, asume o desenvolvemento tecnolóxico baseado en IA deste proxecto, no que participan tamén investigadores do Campus Industrial de Ferrol.
Tras unha reunión do comité de xestión e coordinación do proxecto, o acto de presentación de ATEMPO tivo lugar este mércores 13 na cidade portuguesa de Porto e contou coa presenza de diferentes autoridades luso-españolas, entre as que destacaron o vicepresidente da CCDRN, Beraldino Pedrés; e o xerente da axencia galega AXEGA, Marcos Araújo.
A investigadora do CITIC Amparo Alonso impartiu, no transcurso do evento, unha conferencia sobre As posibilidades da aplicación da IA nas emerxencias. Na súa intervención, Alonso destacou o papel da IA como ferramenta para facer fronte a situacións de emerxencia, sendo “imprescindíbel para ser capaces de anticiparnos ás mesmas, planificar e xestionar os recursos á hora de facer fronte ás emerxencias ou realizar simulacións”. Tamén destacou a importancia da cooperación transfronteiriza ante a necesidade de actuar de forma conxunta neste tipo destas situacións. Ademais, falou sobre as posibilidades que ofrece a IA para o coñecemento de campo, para a coordinación e comunicación interadministrativa e para suplir as necesidades loxísticas.
Pola súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, agradeceu que contasen coa Universidade para este proxecto e recalcou a importancia da cooperación entre estes territorios (Galicia e Norte de Portugal, así como Castela e León).

A investigadora do CITIC Amparo Alonso nun intre da presentación en Porto


Resposta anticipada, racional e intelixente
Segundo engadiron, “trátase dun ambicioso programa colaborativo de tratamento e xestión de emerxencias, que busca, grazas á actuación conxunta de administracións e centros de investigación, mellorar a resposta a grandes desastres naturais, como incendios ou asolagamentos como principais consecuencias do cambio climático”.
O labor do CITIC no proxecto ATEMPO centrarase no desenvolvemento de sistemas de predición de accidentes mediante técnicas de aprendizaxe profunda (deep learning) a partir das bases de datos dos diferentes socios e doutras fontes como os servizos de meteoroloxía, a actividade económica de polígonos, fontes demográficas ou ordenación do territorio.
Inclúe ademais o desenvolvemento de algoritmos de análises de datos baseados en IA, en concreto ferramentas de predición na xestión de emerxencias e modelos avanzados de anticipación que poidan contribuír á toma de decisións e á correspondente dotación de recursos a través de sistemas de recomendación de dimensionado.
Estas tarefas serán desenvolvidas por equipos de persoal investigador liderados polos membros do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández Pereira.
Para o director do CITIC, Manuel G. Penedo, este programa supón “un importante avance para demostrar a capacidade do noso centro na transferencia de coñecemento ás necesidades reais da sociedade” e por iso “estamos moi satisfeitos por poder achegar a nosa experiencia en IA a este proxecto e colaborar estreitamente coa AXEGA da Xunta de Galicia e outros socios como a Junta de Castilla y León, o CIM Alto Minho, CCDR Norte, a Guarda Nacional Republicana ou o Instituto Nacional de Emêrgencia Medica, entre outros”.
E engadiu: “Significa tamén profundar na cooperación coa AXEGA, que mantemos desde o pasado 2021, ano no que iniciamos reunións para valorar o papel das TIC no tratamento intelixente e a xestión de emerxencias a partir, nese momento, dos sinais de voz e análise de noticias falsas. O reto de estender esta colaboración transfronteiriza con outros socios de alto nivel é unha mostra máis da confianza institucional na nosa capacidade competitiva”, concluíu.

PUBLICIDADE