A API de Google e Apple para as aplicacións de rastrexo de contactos entrará en probas o martes

xoves, 23 de abril do 2020 Marcus Fernández

Espérase que en maio poidamos contar con aplicacións móbiles para facilitar a loita contra a COVID-19 mediante o rastrexo de contactos, ou sexa, que os nosos smartphones poidan empregarse para saber con quen temos un contacto próximo, para que no caso de que un cidadán dea positivo por coronavirus, as persoas que estivesen preto durante certo tempo nos días anteriores reciban unha notificación no seu dispositivo móbil instándoas a realizar o correspondente test.
Aínda que non se sabe que opción tecnolóxica elixirá cada país para estes desenvolvementos, dende Apple e Google están a colaborar para facer este traballo máis doado, polo que están a completar unha API sobre a que cada país podería desenvolver a súa solución particular, e que estaría máis avanzada do que pensabamos, pois aseguran que nunha conversa por videoconferencia con Thierry Breton, o máximo responsable de Apple, Tim Cook, asegurou que a plataforma de Google e Apple estaría dispoñible para desenvolvedores a partir do vindeiro día 28, o que daría tempo dabondo a moitos países a publicar unha aplicación baseada nesta tecnoloxía de cara ao desconfinamento.
Cómpre advertir que a intención de Apple é que a súa API de rastrexo de contactos a través de Bluetooth só poida estar accesible a unha aplicación por sistema de saúde, ou sexa, que só admitiría desenvolvementos que cheguen de institucións oficiais de cada rexión, aínda que dende Francia xa están a solicitar a Apple que permitan a creación de aplicacións para iOS que non conte coas limitacións de acceso ao Bluetooth cando a aplicación está en segundo plano, o que permitiría a creación de solucións semellantes ás propostas por Google e Apple, pero sen empregar a súa API, de xeito que poderían adoptar unha política de privacidade totalmente distinta á proposta.

PUBLICIDADE