A AMTEGA salienta a importancia da dixitalización dos sectores primarios e o impulso do software

venres, 16 de xuño do 2017 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) celebran hoxe en Santiago a II Xornada Colaboratic.gal para difundir e amosar experiencias e boas prácticas de solucións de software libre aplicadas ao ámbito rural e identificar novas sinerxías e espazos de colaboración entre ambos sectores.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o xerente de AGASOL, Luis Alberto Fernández, inauguraron o encontro, que se se enmarca nas actividades do Plan de Software Libre 2017 impulsado pola AMTEGA en colaboración cos principais axentes do ecosistema galego do software libre como AGASOL.
Durante a súa intervención, Mar Pereira lembrou que o fomento do uso do software libre e, en particular no sector empresarial, continúa a ser unha aposta da estratexia dixital do Goberno galego. As actuacións concretas neste eido recóllense no Plan anual de software libre, que vén desenvolvendo a Xunta desde 2010. O pasado mes de maio publicouse o Plan deste ano con 110 actuacións, 40 delas en colaboración cos axentes do software libre galego.
O resultado desas medidas é un incremento no uso das tecnoloxías libres, 8,5 de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que sitúa a Galicia por riba doutras Comunidades Autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco Así o indican os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Ademais, a responsable da Axencia tecnolóxica da Xunta destacou o papel do Centro Demostrador TIC de Galicia, que continuará incrementando a oferta de demostracións e formación en Software Libre e ofrecendo asesoramento ás PEME sobre ferramentas de software libre adaptadas ás súas necesidades
Durante a 2017 reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións libres á disposición das empresas: a plataforma de comercio electrónico WooCommerce, xa dispoñible, e a solución de monitorización de redes, Zabbix. A estas iniciativas súmase tamén a difusión de solucións libres para as empresas a través do renovado portal mancomun.gal e a través da Oficina de Software Libre da AMTEGA.

PUBLICIDADE