A AMTEGA repasa a estratexia dixital da Xunta antes da súa reedición

martes, 27 de maio do 2014 Redacción

O informe Balance 2009-2013 da Axenda Dixital elaborado pola AMTEGA, presentado esta mañá pola directora do organismo, Mar Pereira, no pleno do OSIMGA, recolle que a Xunta de Galicia leva mobilizado no período 2009-2013 un investimento de preto de 1.100 millóns nas actuacións definidas para consolidar a modernización tecnolóxica da Administración e dos servizos públicos, a inclusión e capacitación dixital da poboación, o impulso do hipersector TIC como elemento tractor dos restantes sectores produtivos e o despregamento de infraestruturas de telecomunicación na Comunidade.
Pereira avanzou que este ano se presentará a nova Axenda Dixital, que está a elaborar a Administración autonómica para o período 2015-2019 e lembrou que a finais de 2013 a Xunta aprobou a Estratexia Galega de Crecemento Dixital para afrontar os retos tecnolóxicos formulados por Europa no horizonte 2020 e que constitúe o marco estratéxico sobre o que se establecerán as actuacións da nova estratexia tecnolóxica.
A directora da AMTEGA destacou as medidas de impulso ao sector TIC desenvolvidas durante 2013 como o Pacto Dixital, que asinou o Goberno galego con 12 empresas de ámbito nacional, multinacional, rexional e o Clúster TIC galego para cooperar no desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Un dos primeiros logros do Pacto é a posta en marcha este verán da iniciativa de Telefónica, Galicia Open Future, un Centro de Emprendemento TIC na Cidade da Cultura.
Tamén definiuse o programa TransformaTIC; convocáronse as axudas Innterconecta II cun importe de 75 millóns de euros; continuouse co desenvolvemento do Plan de Banda Larga que facilitou que 700.000 habitantes que carecían de acceso á Internet a finais de 2009 poidan agora conectarse con conexións de alta velocidade; avanzouse na modernización da Administración autonómica (o que tamén supuxo unha mellora na súa eficiencia e na redución de custos); incrementouse o uso das TIC na Sanidade, a Educación e a Xustiza; impartíronse milleiros de horas de formación dende a Rede de Centros CeMIT; e potenciouse o Programa de Voluntariado Dixital.

PUBLICIDADE