A AMTEGA impulsa novas actuacións para fomentar o talento dixital

luns, 11 de outubro do 2021 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) anunciou novas iniciativas destinadas a impulsar o talento dixital e a formación dos novos perfís tecnolóxicos. Estas iniciativas collerán corpo co inicio do novo curso a través do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent. Da natureza destas accións deuse conta nunha xuntanza de traballo presidida polo director da Área de Sociedade Dixital da axencia, Miguel Rodríguez Quelle, e na que tamén se fixo balance das 34 actuacións que se desenvolveron no curso 2020-2021.
O Plan DigiTalent, posto en marcha no 2018, ten por obxectivo reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral a través de tres eixes de actuación: o impulso ás vocacións STEM, a promoción de adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de e-líderes para a transformación dixital.
Unha das actividades estrela é o programa Tecnólog@ por un día, que ofrece a rapaces e rapazas de ata 17 anos a oportunidade de desfrutar dunha de xornada de inmersión en proxectos reais da man dos responsábeis de talento e profesionais sénior das empresas colaboradoras. Segundo se fixo saber na reunión, unha das novidades deste ano ten relación directa coa volta á presencialidade, deste xeito os nenos e nenas participantes, que realicen a súa visita en AMTEGA terán a posibilidade de visitar as instalacións como o GaiásTech, onde realizarán actividades lúdico-formativas na sala inmersiva con imaxes 360º e lentes de Realidade Virtual.
Por outra banda, baixo o obxectivo de “continuar fomentado os novos perfís dixitais”, esta nova edición de DigiTalent lanza un ciclo de Webinars TransformaTech Sessions, que afondarán en temáticas relativas á Industria 4.0 e tecnoloxías disruptivas ligadas ao Big Data, a ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial. As xornadas estarán orientadas a todo tipo de profesionais que desexen especializarse neses ámbitos e contarán cun servizo de titorías online.
Doutra banda, a axenciua porá en marcha o Programa de Mentoring FP, no que alumnos e alumnas de Formación Profesional do ámbito STEAM contarán coa colaboración dunha rede de mentores que resolverán as súas inquedanzas laborais, orientarán as súas iniciativas emprendedoras e “acompañaranos na identificación de saídas profesionais no ámbito tecnolóxico a través de sesións personalizadas”.
Retorna o talento dixital galego
A axencia que preside Mar Pereira lembrou tamén que vén de lanzar en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración o Portal Retorna Dixital, unha iniciativa dirixida aos galegos e galegas do sector TIC que se encontran no exterior e que desexan retornar á súa terra, ofrecéndolles oportunidades para comezar unha nova carreira profesional. O portal, activado no mes de setembro ao abeiro do Plan DigiTalent e enmarcado na web GaliciaAberta, é un espazo que facilita o encontro entre as empresas do sector TIC galego adheridas que buscan profesionais especializados e o talento dixital emigrado de Galicia. Ademais, dispón dun directorio de empresas que os profesionais interesados poderán consultar para contactar directamente. As ofertas de emprego poden consultarse en Retorna Digital | GaliciaAberta.
Novidades no Pacto Dixital
A axencia tamén recordou que DigiTalent foi concibido “coma un plan vivo e conectado coa realidade galega para a xeración e retención de talento, unha iniciativa aberta á reflexión conxunta entre a Administración galega e os axentes do ecosistema dixital”. Neste compromiso compartido, a estas actuacións sumaranse, un ano máis, as iniciativas lideradas polas 12 empresas adheridas ao Pacto Dixital de Galicia, que colaboran coa AMTEGA no seu esforzo de impulsar os eixes estratéxicos do Plan e promover entre a cidadanía as capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no eido dixital.

PUBLICIDADE