A AMTEGA convoca un concurso de aplicacións móbiles

xoves, 16 de outubro do 2014 Redacción

A AMTEGA, en colaboración con Fundetec, convoca o Primeiro Concurso Faite Dixit@l! de Aplicacións para Móbil, certame, que se enmarca dentro da iniciativa de capacitación tecnolóxica Faite Dixit@l, e busca recoñecer a creatividade na elaboración de ferramentas tecnolóxicas que melloren a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentar o uso da tecnoloxía de código aberto.
O concurso está aberto á participación de persoas físicas maiores de 18 anos, e a persoas autónomas, galegos ou con residencia en Galicia, que deseñen e desenvolvan unha aplicación para smartphones creada a partir de software libre e orientada aos ámbitos educativo, social ou cultural, de lecer, deporte ou turismo. Desde onte e ata o 28 de novembro está aberto o prazo de presentación das aplicacións.
O xurado, que se dará a coñecer antes do veredicto a través da páxina web Faite Dixit@l!, terá en conta para elixir o gañador do concurso a orixinalidade e innovación da aplicación, a súa usabilidade, o uso integrado doutros dispositivos do terminal (cámara, GPS,...), a solidez técnica da aplicación, a satisfacción a través do seu uso dunha necesidade social vinculada á materia elixida e a reutilización da información pública do portal Open Data da Xunta de Galicia, Abert@s.
O gañador do concurso recibirá un computador portátil profesional HP 2-en-1 convertible en tablet, cedido por Hewlett-Packard. Amais, a criterio do xurado, serán entregados catro diplomas para recoñecer a calidade e utilidade das aplicacións presentadas: Negocio (mellor perspectiva de negocio dunha aplicación), Valor Social (maior utilidade dunha aplicación para a sociedade), Deseño (mellor deseño dunha aplicación) e Usabilidade (mellor uso e máis sinxelo manexo).
As aplicacións galardoadas daranse a coñecer durante un evento o vindeiro mes de decembro, no que, ademais, levará a cabo a presentación pública da aplicación gañadora por parte do seu autor.

PUBLICIDADE