A AMTEGA comezará a funcionar nun prazo de dous meses

luns, 16 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Unha das máximas do actual goberno da Xunta foi sempre a eficiencia na xestión dos fondos públicos sen deixar de apostar pola modernización dos seus sistemas, algo para o que nunca escatimou folgos. A última iniciativa levada a cabo nesta liña publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, que recolle o Decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e os seus estatutos, co que comezar a darlle forma a esta entidade.
A Axencia, que estará funcionando nun prazo de dous meses, permitirá unha maior eficiencia e unha redución de gasto na Administración, ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta, baixo unha mesma dirección e con custe cero.
Segundo informan dende a Xunta, o proceso de consolidación levarase a cabo “de xeito gradual”, integrando a 8 consellerías a finais de 2012 e o resto de organismos e departamentos TIC nun prazo máximo de catro anos.
Desta maneira, un total de 558 profesionais da escala de tecnoloxías da información que desempeñan as súas funcións nos distintos departamentos da Xunta, traballarán nun proxecto tecnolóxico único baixo a dirección da Axencia, que tamén xestionará o orzamento global tecnolóxico da Administración galega.
Isto suporá a supresión de, polo menos, 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas dentro da Xunta e, consecuentemente, unha redución de entre o 25 e o 30 % dos custos de mantemento, adquisición de sistemas e infraestruturas tecnolóxicas, e ata un 23% en estrutura de persoal.
A reorganización organizativa que conleva a Axencia permitirá, asemade, “que no 2014 se teña acadado unha redución de arredor do 50% en custos en coordinación de proxectos”, un aforro ao que o Goberno lle engade o que se acade coa posta en marcha da futura Axencia do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), “que integrará as funcións dos máis de 80 CPDs existentes ata o de agora acadando un aforro anual e 3.millóns de euros”.
O DOGA informa que o proceso de consolidación dos servizos tecnolóxicos “levarase a cabo de xeito gradual en tres fases”, unha primeira que comeza coa constitución da Axencia incorporando os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xunto co persoal e os recursos TIC da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza; unha segunda na que se integrarán os departamentos TIC de outras 7 consellerías (Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar) e unha última fase na que se integrarán o persoal e orzamentos do resto de organismos e departamentos TIC.

PUBLICIDADE