A AMTEGA achega ás entidades do terceiro sector formación sobre WordPress

luns, 14 de setembro do 2015 Redacción

A AMTEGA e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) celebran o vindeiro xoves a terceira xornada do Programa de Formación en Software Libre para o terceiro Sector que organizan conxuntamente no Centro Demostrador TIC onde desenvolverase o curso Monta a web da túa asociación con WordPress en horario de 17:00 a 20:30 horas. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da AMTEGA.
Este seminario céntrase en dar resposta aos puntos máis relevantes que unha asociación debe ter en conta cando planea arrincar un proxecto web en WordPress, como a importancia dunha estratexia de obxectivos; a selección dun dominio e dun aloxamento web a medida das necesidades; a adquisición dun tema adaptado á actividade; os plugins que se deben instalar en función do aliñamento e a consecución dos obxectivos planificados; os posibles cambios organizativos internos da asociación para atender as novas necesidades (xestión e marketing dixital); a lexislación (LOPD e LSSICE) etc.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese xestión de contidos web. Impartirá o curso Jose Ángel Pazos, enxeñeiro técnico en Informática de Xestión que ocupa o cargo de director de proxectos TIC en Intergal, Sociedade Cooperativa Galega.
Dado que as prazas desta actividade de balde son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC.

PUBLICIDADE