A AGASP potenciará a formación en liña dos seus alumnos con aplicacións propias deseñadas con software libre

xoves, 8 de outubro do 2009 Raquel Noya

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a fin de darlle unha resposta axeitada á crecente demanda formativa que está a ter dende os últimos catro anos, vai desenvolver unha plataforma virtual como “complemento ideal” da formación presencial que se leva a cabo nas súas instalacións.
Con este novo sistema de formación en liña, a entidade pública, ao mando da cal se atopa o seu director xeral, José Carlos García Bouzas, pretende, asemade, mitigar a situación de falta de medios e orzamentos que está a sufrir dende hai un tempo, e permitir así simultanear a formación co “servizo público fundamental” que desenvolven os corpos de policía de Galicia, policías locais, bombeiros e membros de protección civil que acoden ao centro formativo da Estrada.
A formación a través da Rede, segundo afirmou García Bouzas, “tamén garante vantaxes, tales como unha maior accesibilidade, reducción de tempos e custes ou unha comunicación directa co profesorado, entre outras facilidades”.
Este espazo de formación a distancia da AGASP foi realizado por parte do persoal da Academia mediante aplicacións en software libre (Moodle), o que reducíu custes e non supuxo investimento en licenzas privadas que se terían feito doutra maneira.
A aposta decidida da Xunta de Galicia polas novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) tamén se aprecia na canalización progresiva, dende o pasado mes de setembro, de toda a súa oferta formativa a través do seu sitio web oficial, dende onde se favorece a información e a formación dos potenciais alumnos da Academia e se dispón dunha Plataforma de mensaxería (SMS) que será ampliada en breve ao formato de correo electrónico.
A Xunta, a través de estas medidas así como do Programa de xestión da AGASP (programa de xestión documental en liña), pretende aforrar tempo e custe no tratamento burocrático administrativo inherente a estes procesos.

PUBLICIDADE