A AGADIC aproba a adxudicación de 5.250.000 euros en axudas a 79 proxectos audiovisuais galegos

mércores, 5 de agosto do 2009 Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais resolveu a adxudicación dun total de 5.250.000 euros a 79 proxectos audiovisuais galegos a través de dúas das seis liñas de axuda ao sector convocadas en 2009. Deste importe global, 4.850.000 euros destínanse á produción e coprodución de 31 longametraxes en lingua galega ao longo de catro anualidades (ata 2012), mentres que outros 400.000 euros están dirixidos á promoción do talento audiovisual galego a través do apoio a 48 propostas de creación individual para a escrita de guións e para a realización de longametraxes e curtametraxes en soporte dixital, así como de curtas experimentais.
Nesta primeira quenda de resolucións foi adxudicado o 76% do orzamento global (6.900.000 euros) reservado ás subvencións ao sector audiovisual galego convocadas este ano por primeira vez a través da AGADIC. Antes do vindeiro 31 de agosto, aprobarase a relación de adxudicatarios e contías outorgadas nas convocatorias correspondentes ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, á produción de curtametraxes e videoclips en versión orixinal en lingua galega, e ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega; mentres que no caso da nova categoría de axudas de concesión automática para a amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais, o prazo de solicitude continúa aberto ata o 15 de outubro.

PUBLICIDADE