A AETG impulsará unha app para facilitar o traballo dos médicos e protexelos de agresións

mércores, 16 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Luciano Vidán e Julio Sánchez Agrelo, presidente da AETG, na formalización dun acordo recenteTender pontes firmes entre as novas tecnoloxías e a saúde. Este é un dos grandes obxectivos xenéricos do acordo asinado hoxe entre os presidentes do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, Luciano Vidán, e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo. Nun plano máis concreto, a alianza formalizada hoxe servirá para impulsar unha aplicación móbil médica.
Segundo se fixo saber, as principais funcionalidades da app que os enxeñeiros de Telecomunicación deseñarán para os médicos colexiados da provincia coruñesa agrúpanse en sete apartados: Administración (servizos e trámites administrativos), Noticias sanitarias, Disposicións legais, Taboleiro de anuncios (formación, actividades e eventos organizados polo colexio e ofertas de emprego para facultativos), Médicos Internos e Residentes, Bibliografía e Botón de agresións. Respecto desta última ferramenta, Vidán e Sánchez Agrelo explicaron que redundará nunhas meirandes convivencia e seguridade no ámbito da atención médica, facilitando aos facultativos sometidos a algún perigo ou sinal de violencia por parte de pacientes ou familiares comunicación directa (a través da aplicación móbil) cos corpos policiais, amais dun sinal de emerxencia xeolocalizada.
Para o doutor Vidán, “este convenio en un paso máis na firme e decidida aposta do Colexio Médico da Coruña polas novas tecnoloxías, pola excelencia na xestión e por facilitar aos colexiados ferramentas eficaces para a súa seguridade e o seu desenvolvemento profesional”. As novas ferramentas da información e a telecomunicación, apuntou, “irromperon con forza no sector sanitario e farano aínda máis nos vindeiros anos”. Por esta razón, engadiu, “médicos e enxeñeiros de Telecomunicación decidimos unir as nosas forzas para que estas ferramentas sexan cada vez máis eficientes e redunden nunha mellor praxe médica e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns”.
Pola súa banda, Julio Sánchez Agrelo explicou que o emprego da tecnoloxía “axuda a humanizar e a mellorar a eficiencia da asistencia sanitaria” e posibilita que se “optimice o servizo asistencial e clínico”. Por este motivo, expresou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio e tamén polo feito de “que cada vez sexan máis os colectivos profesionais que aposten decididamente polo emprego das TIC nos seus ámbitos de actuación”. Neste sentido, Sánchez Agrelo lembrou “que estreitar vencellos con outros colexios e colectivos profesionais e tamén con entidades académicas e institucións universitarias está a ser un dos eixos de acción principais do mandato da xunta directiva da AETG”.

PUBLICIDADE