A AETG e Gradiant premiarán a mellor tese doutoral do eido TIC

martes, 26 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) quere recoñecer os traballos feitos dende as nosas universidades en materia de investigación en redes e Sociedade do Coñecemento, traballos que contribúen a abrir novos e importantes vieiros de actividade para os nosos profesionais e o noso sector e que, tamén, axudan a establecer máis e mellor comunicación entre universidades, centros de I+D e sector privado. Estamos a falar do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. O recoñecemento, patrocinado polo Centro Gradiant e convocado pola AETG, entregarase no marco da XVI Noite Galega das Telecomunicacións, que se desenvolverá o vindeiro 21 de outubro no Gran Hotel da Toxa.
O obxectivo das entidades responsábeis do premio é “recoñecer a excelencia daqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicábel ao sector TIC”.
Ao premio, que lle achegará 2.000 euros ao responsábel da investigación gañadora, poderán optar aquelas persoas que teñan defendido a súa tese nalgunha das tres universidades galegas durante os anos 2008, 2009, 2010 e 2011 e que poida inserirse nalgún dos seguintes eidos: transferencia tecnolóxica (patentes, licencias) e orientación ao negocio.

PUBLICIDADE