A AETG e AMTEGA volven xuntar forzas para capacitar tecnoloxicamente aos cidadáns e ás empresas

venres, 6 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Unha das actividades de alfabetización tecnolóxica levadas a cabo pola AETG

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) confirmou os días pasados a renovación do seu traballo conxunto coa Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, a AMTEGA. O convenio de colaboración relativo a 2020 formalizouse os días pasados cunha sinatura entre as dúas entidades. O novo marco de traballo común permitirá, entre outras cousas, a realización de obradoiros abertos e gratuítos sobre novas tendencias tecnolóxicas como son, entre outras, a Intelixencia Artificial, a Realidade Virtual e Aumentada ou a 5G e os seus casos de uso. Segundo informou a AETG, estas actividades formativas (abertas, gratuítas e presenciais), estarán dirixidas a cidadáns e empresas e administracións públicas e están enmarcadas na aposta pola especialización de profesionais TIC e a capacitación dixitais de profesionais doutros sectores.
Ademais, a asociación confirmou que proseguindo e ampliando as actuacións desenvolvidas e edicións anteriores, dende a AETG realizaranse análises da calidade do servizo das redes móbiles de telefonía e de banda larga en núcleos galegos, dándose (tamén) continuidade ao servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación, dirixido especialmente aos axentes implicados no ámbito regulamentario das telecomunicacións e ás entidades locais. Dito servizo está dispoñíbel a través das seguintes canles:
• Teléfono 981 913 576 en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00h
• Correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal
• Vía web

PUBLICIDADE