A AETG achega aos Concellos unha guía para a inclusión das infraestruturas TIC nos seus plans

martes, 3 de novembro do 2015 Redacción

Encher os posíbeis baleiros informativos e tecnolóxicos que poidan existir para as nosas administracións locais en materia de traballos de despregue TIC avanzado. Este é o gran obxectivo do novo traballo da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), unha guía de recomendacións destinadas aos Concellos para a introdución das infraestruturas de telecomunicacións no planeamento municipal. Esta fonte de consulta e cobertura técnica foi elaborada en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que lembra que se trata “da primeira das medidas do Plan de Banda Larga 2020 para impulsar o planeamento e ordenación territorial das infraestruturas TC da Comunidade”.
As recomendacións, engade a axencia, foron elaboradas a raíz do establecido pola Lei 9/2014, de 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións, que “esixe a inclusión das infraestruturas de telecomunicacións na normativa e instrumentos de planificación territorial e urbanística, ao igual que se fai coas outras infraestruturas de servizos de interese xeral como son a auga ou a electricidade”.
A axencia tamén recorda que para asegurar o cumprimento desta nova obrigatoriedade, a Lei Xeral de Telecomunicacións establece que os concellos deberán solicitar un informe preceptivo, emitido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (MINETUR), previo á aprobación do instrumento de planificación de que se trate, o cal terá carácter vinculante sobre á súa adecuación á nova normativa sectorial.
Polo tanto, a guía elaborada polo AETG ten o obxectivo de “facilitar o cumprimento das directrices xerais establecidas pola normativa sectorial”. Ademais, a folla de ruta está accesíbel a través dos portais da AETG e da AMTEGA e Eido Local da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE