A AELG e o Campus de Ourense celebrarán o Día de Rosalía con videopoemas nas redes

martes, 14 de febreiro do 2017 Redacción

Finalmente a proposta da AELG para celebrar a figura de Rosalía de Castro con videopoemas e nas redes sociais é xa unha realidade confirmada. Así nolo conta a propia Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que conmemora este 24 o Día de Rosalía e, co obxecto de conectar ao máximo coas novas xeracións, decidiu facelo cunha clara vertente dixital e participativa. Unha das principais actividades a desenvolver baixo a etiqueta RosalíaTe é un concurso de videopoemas de 20 segundos. A través deste certame, no que colabora o Campus de Ourense (UVigo), a comunidade universitaria presentará unha gravación feita co móbil e na que cada participante recibirá un breve texto da autoría da escritora de Padrón. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro e exhibirase logo na páxina web da Vicerreitoría do Campus de Ourense e nas redes sociais.
Por certo que tanto o Twitter da AELG como o Facebook son xa, dende hai semanas, un fervedoiro de actividades de conmemoración da senlleira escritora galega e, por extensión, da nosas letras. O mesmo podemos dicir de YouTube.
Cómpre lembrar que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, baixo o título RosalíaTe, propuxo actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora de Follas Novas e, a través dela, fomentar a conciencia como pobo, “especialmente entre as xeracións máis novas”.
O Campus de Ourense, como dixemos, quixo unirse co seu apoio ao “movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento”. E fíxoo cunha serie de iniciativas, como son a devandita convocatoria do concurso de videopoemas ou a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.
Volvendo ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posíbel e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Ademais, gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro.
Co gallo de “incidir na accesibilidade universal e a integración social”, nas bases do certame indícase que “pode resultar suxestivo” incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexíbeis ou nalgunha parte do corpo.
Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola “súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares”. Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do Campus. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e exhibirase logo na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017.

PUBLICIDADE