A 3ª edición de Youtubeir@s entrega este 29 de novembro os seus galardóns (en Santiago)

luns, 25 de novembro do 2019 Redacción

O proxecto Youtubeir@s, que busca ateigar o YouTube e outras redes sociais de audiovisual en galego, vai celebrar este 29 de novembro a entrega de premios da súa nova edición, a terceira. Será no Teatro Principal de Santiago e contará coa presenza de Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián, que serán as encargadas de animar o broche de ouro da actual convocatoria dos galardóns, aos que aspiran un total de 27 finalistas entre os 252 vídeos e canles participantes que concorreron nesta terceira edición. As entradas son gratuítas e pódense retirar no despacho de billetes do Teatro Principal no horario de 18.00 a 20.00h.
A gala final do certame, (organizado polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Rianxo, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña), será conducida pola actriz Patricia de Lorenzo, que se transformará en Isaura, a súa personaxe na peza teatral Fillas Bravas do Grupo Chévere, mentres que Manu TF ocuparase de poñer a música e Iria Fafián elaborará en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s. O fío temático da gala serán as vantaxes e potencialidades de facer que a comunidade de youteiras sexa o máis ampla posíbel, amais de “diversa e consolidada”: un nutrido colectivo de de creadores e creadoras dixitais galegas unidos baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate.
En total, os/as vencedores/as recibirán 6.500 euros repartidos nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle, dotadas con 1.000 euros cada unha. Tamén se entregarán catro premios máis valorados en 500 euros cada un e que recoñecerán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. Darase a coñecer tamén na gala o premio do público que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de YouTube.
252 inscricións e canles e 6.500 euros en premios
Nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o que significa máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados ao YouTube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta edición, que aspiran a uns galardóns divididos en nove categorías e cunha dotación económica total de 6.500 euros.
No apartado de vídeo-opinarmos rexistráronse un total de 129 vídeos participantes, mentres que á categoría vídeo-facermos aspiraron 89 vídeos, á de canles optaron un total de 32 e na nova categoría deste ano de vídeo-cantarmos competiron 30 vídeos. Cada unha destas catro categorías conta cun premio de 1.000 euros e as producións gañadoras serán determinadas polo xurado (integrado por Nel Vidal, Johana Paradelo, Tomás Lijó, Brais Nogueira e Inés Salvado), quen tamén decidirá os premios dotados con 500 euros á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, na gala darase a coñecer tamén o galardón á #propostayoutubeira, premio dotado con 500 que entrega o público do proxecto Youtubeir@s.

PUBLICIDADE