A 3ª edición de Doutoramentos Industriais apoia a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos

mércores, 23 de agosto do 2023 S. P.

A Galega Axencia de Innovación (GAIN) informou da convocatoria das axudas correspondentes á terceira edición do programa de Doutoramentos Industriais, co que se buscar apoiar a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia nos que desenvolverán a súa tese doutoral. O prazo de presentación de solicitudes comezou o venres 18 de agosto e pechará o luns 18 de setembro e será presentada pola empresa ou o centro tecnolóxico de acordo cunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Dotada con preto de 1,9 M€, esta iniciativa está promovida polas Consellerías de Economía, Industria e Innovación e a de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración coa Universidade. A empresa ou o centro tecnolóxico solicitante proporá o proxecto de investigación industrial e a persoa doutoranda candidata, así como o compromiso de colaboración da universidade.
O programa, informan GAIN, busca “favorecer a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade, promovendo a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial e favorecendo a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda”.
Os participantes deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego (SUG) e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.
Este programa xa permitiu a contratación de 30 persoas nas dúas anteriores edicións. Complétase con outras medidas autonómicas análogas como Talento Sénior, Principia, Oportunius, Ignicia, os programas de apoio predoutoral e posdoutoral e Investigo.

PUBLICIDADE