A 10ª edición da D3Mobile Metrology World League entrega os seus galardóns en Lugo

martes, 20 de xuño do 2023 S. P.

O equipo Blackleds, do colexio A Toscana Lisboa, de Bogotá (Colombia), proclamouse campión da X D3Mobile Metrology World League, certame internacional de escaneado 3D de precisión con dispositivos (tableta ou móbil) convocado polo grupo de investigación CIGEO da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC. Este martes 20 de xuño celebrouse na Escola a entrega de galardóns da décima edición dun campionato científico que conta con financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo e en cuxa organización tamén colaboran o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG).
A cerimonia de entrega de premios da décima edición da D3Mobile desenvolveuse no marco dun acto presencial, aínda que retransmitido en streaming para todo o mundo, que estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga. O subdirector da EPS de Enxeñaría, Emilio Carral; a coordinadora do Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO), Mariluz Gil Docampo; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) en Galicia, Pablo Carballo Cruz, e o director do proxecto D3Mobile, o profesor Juan Ortiz, tamén participaron na clausura dunha iniciativa científica que nesta edición permitiu difundir o Campus Terra da USC e, nomeadamente as titulacións impartidas na EPS de Enxeñaría, entre os 126 estudantes e 32 profesores de 28 centros educativos de 8 países de todo o mundo que tomaron parte neste certame.
O xurado acordou proclamar campións da categoría Metrólogos aos integrantes do equipo colombiano Blackleds, integrado polas estudantes Mariluz Pedroza Garizao e Yesica Lorena Santamaria, acompañados polo profesor Roberto Alayón Palacios. A decisión deste tribunal produciuse logo de avaliar tanto a capacidade de todos os participantes para realizar medicións con precisión e exactitude, como a calidade visual dos modelos escaneados en 3D por todos eles. Este equipo de Bogotán, na segunda das probas propostas, escaneou a figura dunha boneca, mentres que na terceira, conseguiu un erro medio inferior a 0,04 milímetros nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior.
O equipo italiano Enduro, do ITTS Silvano Fedi-Enrico Fermi de Pistoia, proclamouse subcampión deste torneo, dirixido a que promesas STEM en etapa escolar adquiran algunhas das denominadas habilidades do século XXI. Os italianos Luca Nitti e Giacomo Ingrao, coordinados polo profesor Paolo Papini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras escanear en 3D parte do motor dun vehículo e baixar na terceira proba de 0,08 mm de erro medio.
Pola súa banda, os gañadores do premio ao modelo 3D máis votado polo público foron os integrantes do equipo The Ruling, do Gölcük Ihsaniye Mesleki Ve Teknik Anadolu Lisesi, de Gölcük (Turquía). Este equipo, formado polos alumnos Elberr Şengül e Ahmet Murat Çayakar, baixo a coordinación do profesor Mustafa Toruntay, conseguiu promocionar o seu modelo 3D dunha figura da Torre Eiffel ata ser o máis apoiado polos votantes.
Premios IES Muralla Romana de Lugo
As alumnas do IES Muralla Romana de Lugo, Jennifer Fernández Fariñas e Aitana López, coordinados pola profesora Marta Goy, proclamáronse campioas mundiais na categoría Artistas 3D, co modelo do coñecido pavo real de Sargadelos. As súas compañeiras no instituto lugués Lorena Pérez Vázquez e Lucía Ferández, lideradas tamén pola docente Marta Goy, gañaron a fase provincial do certame co modelo dunha coral escaneado en 3D. Asemade, as tamén alumnas do IES Muralla Romana de Lugo Noemí Díaz Pérez e Lucía Fernández, coa colaboración da mesma docente como titora, convertéronse no equipo mellor clasificado de Galicia con outro modelo de coral escaneado en 3D.

PUBLICIDADE