8patas.es permite ós cans buscar parella na Internet

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Cando Juan Pardo cantaba aquilo de “o meu can xa ten cadela” de seguro que non pensaba en que os cans poderían facer o mesmo uso que as persoas para socializar na Rede e buscar parella, de xeito que agora se os humanos poden ir a Meetic ou a Match.com, os cans poden facer o mesmo en 8patas.es, unha nova web que permite ós propietarios de mascotas caninas a posibilidade de atoparlles unha parella para o cruce, aínda que a cousa non queda aí, senón que a mesma web permite buscar no seu catálogo no que aparecen tanto cadelos para o seu cruce, coma en oferta de compra/venda ou adopción, podendo tamén catalogar os animais en atopados ou perdidos, o que resulta moi útil para os amantes dos animais, que mesmo poden consultar esta información por provincias.
O servizo aínda conta con poucos rexistros, pero pretende converterse nunha útil ferramenta para as persoas que gusten do mellor amigo do home de xeito que poidan visitar a nova web para a compra, venda, adopción e recuperación de cans, así como para compartir experiencias nos seus foros de próxima creación, ler artigos sobre temas de interese ou consultar os anuncios clasificados publicados.

PUBLICIDADE