81 das actividades recentes do Consello da Cultura leváronse a cabo na contorna virtual

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este 15 de abril unha sesión plenaria ordinaria na que a presidenta, Rosario Álvarez, debullou a acción institucional no primeiro trimestre do ano. Segundo fixo saber, a tempada pasará á historia polos importantes avances que fixo a entidade no ámbito dixital, onde fortaleceu a súa presenza. Fíxoo en parte pola marcada tendencia do CCG a transformar tecnoloxicamente todo o seu tecido de comunicación e divulgación, senón tamén polas complexidades do contexto actual, que serviron para dar folgos a múltiples procesos de dixitalización. Segundo fixo saber Rosario Álvarez, no dito tempo programáronse 88 actividades, realizadas na súa maioría a través do sistema dixital da institución.
Así, entre xaneiro e abril organizáronse máis de cen conferencias agrupadas en quince xornadas, catro produtos audiovisuais, 47 actividades en web entre epístolas, roteiros, entradas biobibliográficas, etc., ao tempo que se elaboraron diferentes produtos como a videocreación do Día da Poesía ou a ficción sonora en formato podcast de La Lindona de Galicia sobre un texto pouco coñecido do Século de Ouro español.
No pleno engadiuse que a natureza das 88 actividades foi “de natureza moi variada”.
Comezaron coa exposición Afonso X e Galicia, que buscou explorar a faceta menos coñecida do Rei Sabio e remataron nunha xornada sobre a pegada en Galicia da II Guerra Mundial e proseguiron con O equilibrio dos extremos, unha vídeo-creación encargada co gallo do Día da Poesía coa que a institución fusionou a voz poética de Xela Arias coa de novas voces da poesía galega.
O documental O principio do mundo de Julio Camba centrouse na etapa inicial e menos coñecida do xornalista.
No Día Mundial do Teatro realizouse a adaptación en formato podcast de La Lindona de Galicia, unha descoñecida comedia do Século de Ouro. Ademais, programouse unha nova edición do ciclo de cinema Olladas de muller, que tivo un formato máis reducido cunha única proxección diaria e que incorporou varias estreas.
Como dixemos, a actividade deste trimestre estivo moi condicionada pola situación sanitaria actual, que motivou que 81 das 88 actividades se desenvolvesen nun contorno virtual e só 7 presenciais. Entre elas destaca a presentación da programación do CCG para o Día das Letras Galegas, con accións que van máis ala do 17 de maio e fiel á súa liña habitual: un concerto (16 de maio no Auditorio Mar de Vigo), unha publicación (¡Non te amola!) e un espazo web, do que falamos os días pasados dende Código Cero.

PUBLICIDADE