8 de cada 10 usuarios de trebellos buscan coche novo ou datos do motor a través do móbil

mércores, 1 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

A día de hoxe, son cada vez máis as persoas que procuran vehículo novo dende a palma da súa man. Ou, sexa pola vía do trebello de seu. Segundo sinala o portal Coches.net, a través dun estudo de seu sobre os hábitos dos seareiros do motor, á par que internautas e propietarios de trebellos, arestora procuran coche ou información do eido do motor, pola devandita vía, 8 de cada 10 usuarios, o 79%. O estudo fíxose sobre a base de 3.500 enquisados.
Deles, o 59% recoñece que prefire facelo dende o seu móbil en troques de levalo a cabo a través do computador, sobre todo porque o trebello vai a todas partes con eles (80%), porque poden usalo en calquera lugar (45,5%) e porque lles permite chamar directamente ao anunciante (19,7%), “gañando con isto axilidade e rapidez nas xestións e na obtención de información”.
Sobre o caso concreto de Coches.net, fontes do portal explican que a día de hoxe, máis do 20% das visitas proveñen de dispositivos móbiles e agárdase que esta cifra acade o 35% ao longo do vindeiro ano; sendo o obxectivo da web ofrecer cada vez mellores experiencias de navegación e servizos de meirande valor.

PUBLICIDADE