676 familias galegas puideron beneficiarse de axudas para acceder á Internet por satélite

mércores, 26 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Mar Pereira deu conta dos cidadáns que puideron beneficiarse destas axudas incluídas no Plan de Banda Larga

O acordo asinado en abril entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Medio Rural e do Mar (a través de AGADER) fixeron posible que se realizase un investimento de máis de 335.000 euros para subvencionar a contratación de servizos de conexión á Internet vía satélite nas zonas máis illadas de Galicia (onde non está dispoñible o acceso á Rede por outras canles) beneficiando a un total de 676 familias.
Estas axudas, que contan cunha partida orzamentaria de 1.077.000 euros até 2014, están dirixidas a familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de conexións de acceso á Rede dunha velocidade mínima de 2 Mbps mediante tecnoloxías distintas á do satélite. Aos beneficiarios sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros, condicionado á permanencia no servizo durante un ano, sendo o prezo de alta de liña e o importe da tarifa do primeiros mes de balde.
O 87% dos solicitantes contrataron servizos de 8 Mbps de baixada, o 8% optou por conexións a 2 Mbps e o restante decantouse por unha conexión de 4 Mbps. No 71% dos casos tamén contratouse servizo de telefonía.
As zonas de maior demanda concéntranse nas comarcas luguesas da Terra Chá e Sarria, Ordes, Arzúa e Muros na Coruña, Castro Caldelas en Ourense e A Estrada, Forcarei e Lalín en Pontevedra, sendo as entidades colaboradoras que tramitaron estas axudas Quantis, Tripla, Duo Telecom, Intermax Tecnology e Eurona.

PUBLICIDADE