6 anos de cadea para os responsables de YouKioske

xoves, 5 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A Audiencia Nacional condenou a seis anos de cadea a cada un dos administradores da páxina web de descargas ilegais YouKioske, David González Hernández e Raul Antonio Luque Gutiérrez, absolvendo ao terceiro dos acusados, Óscar González Hernández, ao non quedar acreditada a súa participación nos feitos. Nunha sentenza, a Sección Segunda da Sala Penal condénaos á pena de 3 anos por un delito agravado contra a propiedade intelectual e a outros tres anos por un delito de promoción e constitución dunha organización criminal. Ademais, imponlles a inhabilitación durante cinco anos para o exercicio das profesións de administrador de servidores e paxinas web e xestor de contidos.
Tamén se establece que os acusados indemnicen aos prexudicados coa cantidade que se fixe en execución de sentenza e declárase o comiso dos efectos informáticos intervidos, así como as ganancias acreditadas por valor de 196.280 euros. Deste xeito, a sentenza incorpora como novidade que se aplica a agravante do delito de propiedade intelectual porque hai publicidade, lucro, conciencia de que os contidos son alleos e prexuízo a terceiros.
A sentenza argumenta que os acusados "eran conscientes da plena criminalidade das súas accións, eran conscientes do prexuízo que xeraban ao mercado e aos lexítimos competidores, ata o punto de que o que buscaban era chantaxear coa súa acción criminal e o dano causado para que os prexudicados lles comprasen o negocio".
A resolución explica que o número de publicacións ás que se podía acceder a través de youkioske.com superaba os 17.000 exemplares entre publicacións españolas, alemás, italianas, francesas, inglesas, portuguesas, rusas e holandesas. Os xuíces aseguran que "en definitiva os acusados David González e Raúl Antonio Luque se concertaron para crear e manter a páxina YouKioske por tempo indefinido co fin de utilizar as facultades dos titulares dos dereitos de explotación das publicacións e repartirse beneficios obtidos e iso sen que contasen co consentimento dos titulares afectados, quedando demostrado que estes comunicáronlles en múltiples ocasións o contrario, requiríndolles reiteradamente que non usasen máis os contidos obxecto de explotación" "por parte dos lexítimos titulares".
A sentenza especifica que a Lei de Propiedade Intelectual prohibe a comunicación pública e como tal dá lugar a responsabilidade civil, concluíndo que "se ademais existe lucro, conciencia de alleo e é en prexuízo de terceiro é un delito contra a propiedade intelectual".

PUBLICIDADE