51 concellos ourensáns contarán con banda ampla a través de WiMAX

martes, 29 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Sede da Deputación de Ourense

A nosa terra, malia as súas eivas en dispoñibilidade de accesos (ou precisamente por elas), semella ter un salientable potencial para converterse en referente da Rede sen fíos. Dito doutra maneira: a falta de conexións tradicionais, sobre todo no noso rural, estase a activar a iniciativa pública e/ou local a prol da alternativa que representan tecnoloxías sen fíos como Wi-Fi ou WiMAX. Segundo vén de dar a coñecer a Deputación de Ourense e nos recorda o noso amigo Xavier Feixoo, até 51 concellos da provincia contarán en 2010 cunha conexión de banda ampla grazas á tecnoloxía WiMAX posta en marcha través das iniciativas Arraiano, Delorur e Terras do Avia, apoiadas con fondos europeos FEDER.
Estas apostas pola Rede sen fíos van ser xestionadas pola mesma Deputación a través do Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos, sendo o seu obxectivo o que dixemos ao principio do texto: achegar unha solución viable á histórica carencia de accesos que sufre o noso rural e, en menor medida, o noso eido urbano (carencia que en boa medida é responsable dun dos grandes atrancos para o fluxo de coñecemento na sociedade galega: a fenda dixital).
Por certo que a empresa adxudicataria do contrato de concesión foi Iberbanda, sendo o seu cometido a implantación e explotación dunha rede de banda ampla no eido dos ditos proxectos. Por localidades, cómpre sinalar que as iniciativas abranguen 51 concellos, o que se traduce en 1.540 núcleos de poboación.
O financiamento que achega a Deputación será de 2,455 millóns de euros.
A devandita empresa adxudicataria encargarase do plan de despregamento da rede, a desenvolver en tres pasos:
Fase 1: Cobertura superior ao 37% da poboación ofertada en maio de 2010 (43.152 persoas).
Fase 2: Cobertura superior ao 83% da poboación ofertada en xullo de 2010 (95.139 persoas).
Fase 3: Cobertura do 100% da poboación ofertada en setembro de 2010 (113.386 persoas).
Polo que respecta á tecnoloxía seleccionada e as súas prestacións, cómpre sinalar que se trata da solución de rede sen fíos WiMAX e que con esta aposta agárdase achegar un paquete básico de conexión á Internet de 2 Mbps. Este poderase contratar con servizos de telefonía fixa a uns prezos que aínda non foron desvelados pero que se anuncian como “moi competitivos”.

PUBLICIDADE