4gotas.com ve a luz cunha predición meteorolóxica para a Noite de San Xoán

xoves, 20 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días os medios de comunicación galegos non paran de consultar aos expertos en predicións meteorolóxicas de cara a unha das datas máis celebradas en moitos puntos da xeografía galega como é a Noite de San Xoán, e para atender á demanda de tal información temos unha nova fonte de consulta que polo momento presenta un mapa da Península Ibérica permitindo consultar a predición para a noite do vindeiro domingo en numerosos puntos, indicando o estado do ceo, a temperatura e o vento previsto para tal data.
Esta nova plataforma en liña, chamada 4gotas, dáse así a coñecer ao mundo, aínda que a súa estrea non chegará ata o vindeiro 2 de xullo, cando este proxecto emprendido polos expertos en meteoroloxía Carlos F. Balseiro, Pablo Carracedo, Beatriz Hervella e Eduardo Penabad estreará os seus servizos (actualmente en fase de probas) cos que queren ofrecer unha atención persoal afastándose dos fríos datos meteorolóxicos. 4gotas fará unha achega innovadora ao mundo da meteoroloxía, ofrecendo predicións rápidas nunha sección chamada En 10 segundos, información detallada con máis de 140 puntos próximos á costa e en alta mar cun horizonte de previsión de 9 vías (fundamental para os mariñeiros), un blog con información de actualidade, un vídeoblog con relatos para que saibamos algo máis do tempo, información sobre a relación entre o tempo e a saúde (para axudar a mellorar a nosa calidade de vida) e servizos avanzados como un sistema de alertas por correo electrónico (para que non nos pille nunca unha chaparrada por sorpresa) e a posibilidade de contratar predicións personalizadas para eventos.
Esta iniciativa empresarial está a desenvolverse dende o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela a través da sociedade limitada 4gotas atmosfera y oceano e a súa páxina web foi creada polo equipo da Navalla Suíza empregando software libre.

Carlos F. Balseiro, Pablo Carracedo, Beatriz Hervella e Eduardo Penabad forman o equipo detrás de 4gotas

PUBLICIDADE