441.000 euros para que as microempresas dinamicen o rural mediante as TIC

martes, 18 de marzo do 2014 Redacción

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das subvencións da Consellería do Medio Rural e do Mar para a dinamización das áreas rurais de Galicia por parte de microempresas a través do uso das TIC, co financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e que son xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Esta axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta no medio rural, á que lle corresponden as funcións de fomento e coordinación do desenvolvemento do rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar no posible o despoboamento deste territorio.
Estas axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software), para que as microempresas aproveiten as TIC xunto co acceso a Internet de calidade, no seu proceso de negocio. Estas subvencións enmárcanse no convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para facilitar o acceso a internet vía satélite dentro das actuacións do Plan de Banda Larga de Galicia e promover o uso das TIC entre as microempresas do rural.
As axudas poden chegar ata un máximo do 50% dos investimentos subvencionables, e ata un máximo de 30.000 € de subvención por beneficiario, sendo 4.000 € o investimento mínimo esixido, estando dotado o programa cun total de 441.000 euros.

PUBLICIDADE