30 estudantes fórmanse en robótica educativa en Pontevedra

mércores, 19 de xuño do 2019 Redacción

Até 30 estudantes están a participar estas semanas nun curso de robótica educativa en Pontevedra. A actividade, que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra), lévase a cabo baixo un epígrafe que fala por si só dos seus obxectivos e da relevancia dos contidos tratados: Ensinar ciencias con programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao pensamento computacional. A tecnoloxía creativa que centra boa parte do curso serve para atopar retos científicos a problemas concretos. Por exemplo a contaminación dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a deforestación ou como substituír as enerxías contaminantes polas limpas e sustentábeis.
Inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do Campus, o curso diríxese a mostrar o mellor xeito de integrar as TIC nas clases de ciencia de maneira transversal, como explica María Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a responsábel de impartir este obradoiro dirixido polo profesor Uxío Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que tamén pode estalo no ámbito educativo”.
Con ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos estanse a capacitar en programación, no manexo de diferentes recursos de robótica educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso do software do encerado dixital para o deseño de actividades.
Ao igual que nas últimas edicións deste curso, as e os participantes traballan en grupos na elaboración dunhas maquetas que integren os contidos que foron realizando na aula e que nesta ocasión “teñen como novidade que todas están ligadas a algúns dos obxectivos da Axenda 2030”, a iniciativa de fomento do desenvolvemento sustentábel impulsada pola ONU. Desta maneira, entre os proxectos nos que traballan figuran maquetas que abordan a contaminación que supón a presenza de plásticos nos océanos ou as contribucións das mulleres á sustentabilidade do mar exemplificadas en mariscadoras e redeiras.
O curso complétase cun blog no que os diferentes grupos relatan o seu proceso de traballo nas diferentes sesións. “Cada grupo leva o nome dunha muller sobranceira relacionada coa ciencia e a tecnoloxía, da que contan á súa historia ao mesmo tempo que van presentando o que fixeron”, explica Lorenzo dunha proposta que pon en valor as figuras de Ada Lovelace, Hedy Lamarr, Edith Clarke, Ángela Ruiz Robles e Amalie Emmy Noether.

PUBLICIDADE