3 centros de excelencia investigadora da UDC aglutinan a máis de 600 investigadores

mércores, 8 de maio do 2024 Redacción

Coas recentes incorporacións do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e a renovación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) ao programa de excelencia investigadora promovido pola Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña mellora o seu peso nesta iniciativa.
Contando con dous centros na máxima categoría (CITIC e CICA), que se integran na Rede CIGUS, e un na segunda (CITEEC), os cales, sumados ao interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), recibirán unha axuda de máis de 4,86 millóns de euros para a súa acreditación, estrutura e mellora. Un logro que, segundo Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, sitúa á UDC como “a universidade galega con mellor evolución con respecto ao período anterior, pasando de contar cun só centro acreditado, o CITIC, a ter 3, e de obter o 12% da cantidade total das axudas ao 20% actual. Un camiño que entendemos é o que debemos seguir para continuar ampliando esta capacidade investigadora de calidade nas diferentes liñas de traballo da UDC, e mesmo incrementar o número de centros de investigación da UDC nesta rede de excelencia”.
CITIC, CICA e CITEEC aglutinan a máis de 600 investigadores desenvolvendo o seu labor científico, as cales están actualmente inmersas en 256 proxectos de investigación e transferencia tecnolóxica, tal e como explicaron esta mañá en convocatoria de prensa o vicerreitor e os directores dos tres centros de investigación da Universidade: Manuel F. González Penedo, do CITIC; Jaime Rodríguez González, do CICA; e Fernando Martínez Abella, director científico do CITEEC.
González Penedo salientou que "esta acreditación pon en valor o traballo excelente que leva a cabo o persoal investigador do noso centro, tanto a nivel individual como co seu compromiso de equipo á hora de resolver retos de forma conxunta. Para nós, é unha honra situarnos á vangarda tecnolóxica e investigadora de Galicia. Traballamos con diferentes entidades nacionais e internacionais, públicas e privadas, para acadar a proxección que a nosa comunidade merece".

O CITIC

Lembremos que o CITIC nace no ano 2008 co obxectivo de potenciar o avance e a excelencia en I+D+i nas TIC, acadando en 2016 a distinción de Centro Singular de Investigación por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, a cal foi renovada no ano 2019, pasando a integrarse na Rede de Centros de Investigación de Galicia (CIGUS).
Na actualidade está consolidado como un referente na transferencia de resultados, grazas á notable proxección das súas investigacións en áreas como a IA, a ciencia e enxeñaría de datos, a computación de altas prestacións, os servizos e redes intelixentes e a ciberseguridade.
O CITIC conta cun destacado compromiso en proxectos de inclusión social, desenvolvendo proxectos como Talentos Inclusivos, que este ano celebra a súa cuarta edición; ou un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude para a investigación de tecnoloxías aplicadas á atención de persoas con diversidade funcional.
O centro, formado por máis de 280 investigadores, dos que máis do 30% son mulleres, desenvolve na actualidade máis de 150 proxectos activos de investigación e transferencia.

PUBLICIDADE