25 dos novos proxectos acelerábeis presentados a BFAero son galegos
mércores, 20 de novembro do 2019
Un
total de 40 proxectos de potencial aplicación no sector aeronáutico
e dos vehículos aéreos non tripulados (UAV) optan a formar parte da
segunda edición da aceleradora Business
Factory Aero (BFAero) tras pecharse o prazo de presentación de
solicitudes. Segundo informan as entidades que impulsan este centro
lucense de despegue empresarial, as iniciativas candidatas están
actualmente na fase de preselección con vistas a seren avaliadas
polo comité executivo de BFAero. Finalmente, só seis delas obterán
unha praza para participar no programa, que forma parte da Civil
UAVs Initiative (CUI) impulsada pola Xunta de Galicia (Axencia Galega
de Innovación).
O
prazo para a presentación de candidaturas nesta segunda convocatoria
rematou o pasado venres 15 de novembro ás 14.00 horas “cunha alta
participación”, explica GAIN, engadindo que máis da metade dos
proxectos presentados son de Galicia (25). Amais, seis teñen
procedencia en Madrid e as provincias de Barcelona e Granada
concorren con dous proxectos cada unha. O resto proveñen de
Salamanca, Biscaia, Palma de Mallorca, Alacante ou Valencia.
Durante
a primeira semana de decembro, o comité executivo de BFAero dará a
coñecer a súa escolma dun mínimo de 10 proxectos que poderán
defender a súa candidatura nunha entrevista e máis no Pitch Day que
se celebrarán en Lugo os días 12 e 13 de decembro. A este mínimo
de 10 proxectos que superarán a primeira peneira sumaranse
directamente os dous elixidos mediante a votación popular celebrada
na páxina web de BFAero, que
terán garantida a súa praza na entrevista e no Pitch Day. Tras a
selección final, un máximo de seis startups formarán parte
da aceleradora (tres en fase de incubación e tres de aceleración) e
sumaranse ás seis da primeira edición que xa están a traballar en
BFAero desde hai uns meses.
- Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de V. Rodríguez para Economiaengalicia.com
Máis
dun centenar de candidaturas en só un ano
Segundo
informa GAIN, os resultados desta segunda edición confirman “o
interese que esperta o sector aeronáutica e os vehículos non
tripulados”. Para facernos unha idea concreta disto, en só un ano,
BFAero lanzou dúas convocatorias nas que se presentaron máis dun
centenar de candidaturas, 62 delas procedentes de Galicia. “Estes
datos reforzan o importante papel da Civil UAVs Initiative para reter
e captar talento na nosa Comunidade, que conseguiu converterse xa nun
polo aeronáutico de referencia en España”, engade.
Por
áreas temáticas, un 43% dos proxectos presentados están
relacionados co deseño e produción de vehículos non tripulados. As
tecnoloxías habilitadoras son o segundo foco temático con máis
presenza nas candidaturas desta segunda edición (case un 32%),
seguido dos proxectos relacionados coa obtención de datos e
información e coas cargas de pago e sistemas, con case un 30% cada
unha.
BFAero
ofrecerá ás seis startups seleccionadas un completo plan
para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no
mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses
para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración.
Así, terán á súa disposición titorías e asesoramento con
expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI,
oficina propia e espazos para realizar traballo colaborativo
(coworking) e recibir formación en todos os aspectos que
afecten á súa idea de negocio.
Os
proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a
potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor
de UAV (vehículos aéreos non tripulados) de Indra e máis de
Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén
terán a opción de obter a certificación de piloto.