24joyas.com fai reconto da súa experiencia como primeiro servizo en liña de reparación de reloxos
mércores, 26 de decembro do 2012
- Luís Míguez, traballando no obradoiro de seu
24joyas.com,
o servizo galego de reparación de xoias con seguimento en liña, en
tempo real, remata o ano facendo reconto
dos froitos e a experiencia acumulada ao longo do seu tempo de vida,
un tempo que lle serviu para
amosar na Rede o
miolo da súa actividade e demostrar
que, malia que semelle que todo está inventando, aínda hai moito
que innovar. Neste caso concreto, a base sobre a que se traballou foi
a dun clásico obradoiro de reloxería tradicional, remodelado para
convertelo no que case con toda probabilidade é o primeiro servizo
de reparación de reloxos a través de Internet. 24joyas.com achega
servizos completos de arranxe (revisións de máquinas, pilas e
hermetismos, cristais, correas, accesorios e venda), recollida,
seguimento do proceso e entrega. Así, a través da introdución dun
código na sección taller
da páxina web, é posíbel controlar o
estado do traballo en calquera intre, tal e como se estivéramos alí,
pero coa vantaxe de non amolar aos traballadores.
Segundo nos conta José
Luis Míguez Cristóbal, director do servizo (e reloxeiro dende hai
máis de dúas décadas), a súa andaina na Rede remóntase a hai
máis de 10 anos, creando novas canles de venda e solucións para os
seus clientes, e todo apostando pola “competitividade, a boa
reputación na Internet e o aval das primeiras marcas do mercado”.
De seguido, reproducimos unha entrevista mantida entre o propio José
Luis e mailos nosos compañeiros da axencia e estudo de deseño
DobreClic. Ao xuízo do responsábel de 24Joyas, non hai razón para
non estar na Rede: o servizo é o mesmo, só que se optimizan
recursos e se aforran custes.
-Que
é 24Joyas?
-Somos unha tenda e
taller multimarca das principais firmas de xoiería e reloxería,
comezamos dando soporte a xoierías de A Coruña e a través da
formación continua e da competitividade e paixón polo traballo
diario crecemos ata dar soporte ás principais tendas de Galicia a
través da Internet con un servizo transparente e certificado nas
principais marcas de reloxos do mercado. Recentemente o noso taller
converteuse en Centro de Servizo Certificado Omega, Longines e Rado
que en este momento son un referente de calidade e esixencia nos
procesos e métodos de reparación. Dende o inicio a nosa vocación
de taller multimarca permitiunos ser moi competitivos en prezos e
actualmente reparamos máis de 7,000 reloxos ao ano de tódalas
principais firmas.
-Por que proporciona
servizos a través da Internet?
-Por que non? O servizo é
o mesmo, simplemente optimízanse procesos e afórranse custes. O
cliente debía acudir á súa xoiería/reloxería ou ao servizo
oficial da marca para reparar o seu reloxo ou xoia, debería
desprazarse 2 veces; 24Joyas.com ocúpase da recollida e entrega no
seu domicilio ou oficina, ademais pode comprobar o estado da súa
reparación co código de seguimento e o feito de ser un taller
independente permítenos ser moi competitivos nos custos. É un
servizo rápido, fiable e moi cómodo.
-Foi difícil
introducir a súa empresa na Rede?
-Os inicios son
complicados, requiren moitos esforzos pero realmente comezar un
negocio na Internet é moi semellante a facelo offline,
simplemente debes ser un bo comerciante, cometer moitos erros e
reaccionar pronto. O mitificado boom das empresas na Internet
é un caso excepcional, a maioría das tendas online que
triunfan forxáronse a través do traballo diario e de un bo servizo
aos clientes.
-Que vantaxes obtivo
para a súa empresa na Rede?
-Axilizar e mellorar os
procesos aforrándonos moitos crebadeiros de cabeza e mellorar
ostensiblemente os nosos resultados en vendas e reparacións, en
definitiva, a nosa empresa medrou e fixo para mellor. A través da
tenda online conseguimos mellorar as nosas vendas e xestionar
os pedidos e o stock de unha maneira integrada e moi sinxela. Co
servizo de reparación en liña creamos unha nova canle de negocio e
accedemos a un mercado moito máis amplo. E co traballo en formación,
documentación, promoción, blog, redes sociais logramos dar
prestixio e afianzar a nosa marca. Resulta difícil que un cliente
che envíe un reloxo de valor se non existe una marca con boa
reputación en liña, con certificados de calidade e con un gran
traballo en asistencia ao cliente.
-Que investimento
realizou?
-Contratamos a un
programador que desenvolveu a tenda e o programa de xestión interno
de pezas e a un xestor de contidos ocupado de crear artigos,
documentando o noso traballo e facendo máis doado atoparnos a través
de Google, de informar aos nosos clientes nas redes sociais e no blog
(community manager); a xestión de pedidos e almacén
asumiuna a nosa administrativa, o seu traballo medrou. Polo que o
investimento foi contratar a dúas persoas e mercar o software
preciso para desenvolver o proxecto, o cal comezouse a rendibilizar a
partir do sexto mes.
-E cando todo o mundo
se pase á Internet, vostedes que farán?
-Seguir innovando.
Aproveitar a experiencia acumulada e nun contorno máis afeito ao uso
das novas tecnoloxías chegaremos aínda mellor aos clientes
potenciais máis receptivos.