220 locais galegos, recoñecidos cos premios de excelencia da comunidade Tripadvisor

luns, 27 de maio do 2013 Redacción

TripAdvisor, a web de viaxes do mundo, anunciou este luns os gañadores dos seus Certificados de Excelencia 2013, entre os cales se atopan 220 galegos: 102 aloxamentos, 109 restaurantes e 9 lugares de interese. Actualmente no seu terceiro ano, este galardón recoñece a excelencia en hostalaría e, segundo informa a dita web, só se concede aos locais que acadaron excelentes opinións dos viaxeiros-internautas membros da comunidade TripAdvisor. “Os gañadores do Certificado de Excelencia atópanse en todo o mundo e representan un alto nivel dos establecementos que aparecen na web; só o 10% recibe este prestixioso galardón”, engaden os responsábeis da páxina. En total, 7.886 establecementos en España recibiron o galardón, representando un importante incremento con respecto ao ano pasado, no que se entregaron 4.420 certificados.
Os gañadores do dito recoñecemento este ano van desde pensións e hostais até hoteis de 6.000 habitacións, panadarías, restaurantes con estrelas Michelin, atraccións pouco coñecidas ou parques temáticos de prestixio e museos. Segundo informa Tripadvisor, as propiedades galardoadas poden dar a coñecer o seu éxito de múltiples formas, incluíndo o certificado físico que recibirán nas vindeiras semanas, amosalo na súa páxina web, ou comunicalo aos medios a través dunha nota de prensa. Os gañadores do ano pasado promoveron o seu galardón “con éxito” a través das redes sociais, destacando o triunfo do seu negocio en Twitter e o Facebook, así como informando aos seus anteriores e actuais clientes do seu galardón, fomentando a repetición de visitas.

PUBLICIDADE