21 días co galego e + pecha a súa VI edición con récord de participación e de actividade en liña

martes, 13 de febreiro do 2024 S. P.

O CEIP de Ramallosa (Teo) acolleu a semana pasada a clausura do programa autonómico de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que nesta VI edición, centrada por primeira vez en exclusiva nas etapas de Infantil e Primaria, volveu bater récord de participación con 4.587 persoas voluntarias implicadas pertencentes a 10 centros educativos das catro provincias. A iniciativa veu da man da Secretaría Xeral de Política Lingüísica, que amplificou a iniciativa 21 días co galego posta en marcha no IES da Pobra do Caramiñal pola docente Pilar Ponte. Na clausura estivo presente o secretario xeral Valentín García.
García agradeceu “o gran traballo realizado por todos os centros participantes, que se involucraron con moito cariño ao tratarse dunha edición especial, xa que por primeira vez achegamos esta iniciativa ás primeiras etapas educativas”. Ademais, respecto ao impacto do programa nas redes, destacou que “non so é a edición máis numerosa en participación, senón tamén a que mellor acollida está a ter, o cal revela o interese xerado polo traballo fóra da contorna escolar”.
Na cita, que estivo amenizada con varias actuacións musicais dos Gaiteiros Ramalloseir@s e Ukeband e da banda A Gramola Gominola, tamén participaron a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; Xesús Ferro, membro numerario da Real Academia Galega; Rafael Vilar, director do CEIP Plurilingüe da Ramallosa, e Óscar Suárez, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro. Ademais, os restantes nove centros adscritos ao programa realizaron cadanseu acto de clausura ao longo da mesma xornada.
Como broche de ouro da edición, o vindeiro 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, celebrarase o II Encontro 21 días co galego e +, unha xornada de fraternidade que xuntará todos os centros participantes na Cidade da Cultura para intercambiar experiencias.
Impacto nas redes sociais
Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro.
En palabras da Secretaría Xeral, da aposta polo galego quedou constancia tamén no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que “un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións”.
A Secretaría Xeral engadiu no seu balance que a canle de Youtube, que suma xa máis de 450 vídeos publicados ao longo destes anos, acumula máis de 111.831 reproducións cun total de máis de 3.890 horas de visualización e 249 contas subscritoras. Ademais, o departamento que dirixe Valentín Gacía salienta que “compre ter en conta que todo o alumnado participante se conecta colectivamente na súa aula a través dunha única conexión, de maneira que o número de visualizacións non reflicte o número de persoas que ve cada día o vídeo, que é moito maior”.
Os datos tamén destacan a consolidación da conta de TikTok do programa (@21dcgemais), que xa suma 204 seguidores, 19.2000 espectadores únicos e 27.200 visualizacións no que levamos de edición.
Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

PUBLICIDADE