2022 será o derradeiro ano con emisións de TDT en SD

martes, 21 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Tras moitos anos nos que a Televisión Dixital Terrestre (TDT) foi evolucionando para adoptar as emisións en alta definición (e algunha en probas en 4K) aínda se manteñen emisións en definición estándar, pese a que tecnicamente carecen de sentido, e por iso a normativa que recolle o Boletín Oficial do Estado pon unha data límite a estas emisións, de xeito que «todas as canles de televisión, calquera que sexa o seu ámbito de cobertura, deberá evolucionar as súas emisións a alta definición antes do 1 de xaneiro de 2023».
Isto quere dicir que as diversas canles que aínda emiten en SD terán que dar o salto a HD nos vindeiros 12 meses, o que suporá principalmente unha mellor calidade de imaxe, aínda que este cambio pode afectar negativamente aos que aínda empreguen algúns dos sintonizadores de TDT máis antigos, os empregados durante a adopción da TDT, que aínda non soportaban a alta definición, o que obrigará a substituílos por sintonizadores máis modernos para poder seguir vendo as emisións televisivas. Algúns televisores tamén quedarán obsoletos, pero unha vez máis este problema pode suplirse mediante sintonizadores externos.
No futuro tamén se prevé que se espallen as emisións en 4K, o que provocará un cambio na mesma dirección, pero non hai previsión de que esta resolución vaia substituír masivamente ao Full HD, principalmente porque as resolucións máis elevadas só poden apreciarse en televisores de grande tamaño, de aí que non se considere prioritario dar o salto a resolucións que aínda hoxe contan con moi poucos contidos que as aproveiten.

PUBLICIDADE