2009 será o ano dos miniportátiles

martes, 13 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que vivir na Sociedade da Información semella un xeito constante de estar decote facendo prognósticos, todo apunta a que esta época do ano, xusto ao comezar xaneiro, é a especialmente axeitada para que os que viven de lanzar agoiros intensifiquen a súa actividade. De feito, que ninguén deixe de lado o feito de facer previsións no eido tecnolóxico é tamén un xeito de vida: unha chea de blogs e de páxinas xiran arredor diso (habendo tamén un bo feixe de sitios na Rede que se alimentan de localizar prognósticos errados). Enleadas aparte, e sen ánimo de meternos no máis obvio (por exemplo: que en 2009 o número de internautas se vaia incrementar en todos os países), semella que este ano que comeza será o ano do pequeno. Polo menos, no que a acceso ás redes e manexo de datos se refire. O prognóstico, que non ten tanto mérito se vemos a evolución pasada da tecnoloxía (todo segue a tendencia de certas partes do corpo en auga fría: a tendencia a facerse máis miúdo), vén da man dos especialistas reunidos na feira tecnolóxica CES de Las Vegas, onde segundo nos conta Baquia.com albiscouse claramente o futuro do dixital no que se coñece como netbooks (miniportátiles), afianzados xa no mercado e agora con todo o vento a favor na súa carreira comercial en 2009.
Estes dispositivos, indican, tiran proveito dunha realidade universal: as cousas que podemos carretar con nós semellan mellores que as que non. Esta máxima, en parte responsable de que a venda de portátiles sexa xa superior á de ordenadores de sobremesa, constitúe o alicerce do éxito dos netbooks, aínda máis pequenos e limitados que os portátiles máis ou menos convencionais pero máis baratos e, sobre todo, máis móbiles.
Os dispositivos, que na súa contra tamén teñen unha serie de desvantaxes (por exemplo a ausencia de certos equipamentos como o lector de DVD ou un procesador potente), son arestora o obxecto de traballo dunha chea de departamentos de innovación empresariais á procura de prestacións máis avanzadas. Así, que ninguén se estrañe se deixan de ser portátiles axeitados para usuarios que só necesitan computador para navegar ou para ler o correo electrónico e editar un texto: a idea é que teñan cada vez máis capacidade no disco duro (hai modelos que xa acadan os 80 xigas) e pantallas de meirande tamaño. Ou mesmo táctiles, como a do modelo Eee PC Touch (de Asus), presentado precisamente na feira CES de Las Vegas. O miniportátil, dispoñible a partir de marzo, preséntase moi interesante para quen queira un computador que ocupe pouco, que sexa manexable e que achegue un mínimo de funcións e vantaxes: vén a un prezo de 499 dólares e inclúe unha pantalla táctil de nove polgadas.

PUBLICIDADE