20 feridos nun acto promocional do LG G2

luns, 12 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Para dar a coñecer o novo LG G2 organizouse en Corea do Sur unha serie de eventos promocionais baixo o lema de G in the Cloud (G na nube) consistentes na solta de pequenos globos de cores con cupóns canxeables por un dos novos móbiles, á venda por 950.000 wons (641 euros), o que provocou que o primeiro destes eventos fose moi accidentado e provocase a cancelación de toda esta campaña.
No acto que tivo lugar o pasado venres en Seul, ducias de persoas querían facerse cun dos 100 cupóns válidos por un LG G2, o que provocou unha avalancha humana durante a solta de globos, que rematou con 20 feridos, dos que algún tivo que ser hospitalizado. Ao parecer a organización do encontro (convocado a través das redes sociais) era bastante deficiente, e nin sequera se impediu o acceso a xente que acudía con armas de aire comprimido para poder abater os globos (que foi a causa principal da catastrófica conclusión do encontro). LG asumirá as responsabilidade do evento facéndose cargo dos gastos médicos derivados do mesmo.
O LG G2 comezará a distribuírse en todo o mundo durante os vindeiros 2 meses, procurando facer un investimento en promoción maior que en ocasións anteriores para poder mellorar a súa posición no mercado.


O evento de LG amosado na televisión surcoreana

PUBLICIDADE