20 anos de Shazam

luns, 22 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O servizo de recoñecemento musical Shazam vén de cumprir os 20 anos de vida, e aproveitan a ocasión para dar conta de datos interesantes como que superaron os 70.000 millóns de identificacións de cancións e que teñen máis de 225 millóns de usuarios activos ao mes, converténdose xa nunha palabra xenérica, de xeito que con Shazam xa entendemos que estamos a falar coa identificación dunha canción que está a soar.
Resulta abraiante que se fale de que Shazam naceu en 2002, xa que o iPhone chegou ao mercado en 2007, pero é que o servizo funcionaba inicialmente por teléfono tradicional, de xeito que había que chamar a un número telefónico achegando o teléfono a un altofalante no que se escoitaba unha canción para, acto seguido, recibir unha mensaxe de texto co título da canción e o nome do intérprete da mesma. As aplicacións móbiles de Shazam verían a luz en 2008.
Para celebrar estes 20 anos dende Shazam crearon unha listaxe de reprodución en retrospectiva na que se recollen os temas máis buscados en todo este tempo, como o Rolling in the Deep de Adele, o Crazy de Gnarls Barkley, o Bring Me to Life de Evanescence ou o Dance Monkey de Tones And I (canción que sería a que máis rápido chegou aos 20 millóns de identificacións e tería o record actual de identificacións con máis de 41 millóns); destacando que estes temas teñen relevancia estatística, mentres que outros temas como Running Up That Hill de Kate Bush (que soa na última tempada de Stranger Things) non teñen tal repercusión a longo prazo, pero si conseguen momentos virais de grande relevancia (de feito, sería o grande éxito do ano dentro de Shazam).
O que é indubidable é que esta ferramenta está a xogar un papel fundamental na promoción musical, xa que facilita que calquera usuario poida identificar unha canción que está a soar nun local ou nunha emisora de televisión ou radio, facilitando así que logo escoite o tema posteriormente e poida chegar a seguir ao seu intérprete, polo que é un dos mellores recomendadores musicais que temos na actualidade, xa que se basea en música que xa captou o interese do usuario.

PUBLICIDADE