159 centros de ensino galegos contan con accesos á Rede a 100 Mbps

luns, 7 de novembro do 2011 Redacción

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica veñen de destacar que no presente curso académico un total de 159 centros educativos de Galicia dispoñen de conexión á internet de 100 Mbps, grazas ás melloras realizadas na conectividade de colexios e institutos públicos galegos. Estas accións de mellora, que forman parte do proxecto ABALAR, véñense desenvolvendo desde o curso 2010/2011 enmarcándose na aposta que o Goberno galego fai pola integración das TIC no ensino, co fin de impulsar progresivamente a mellora da calidade da educación.
Dos 159 centros que xa viron mellorada a velocidade da súa conexión ata os 100 Mbps, o 33% son colexios e institutos públicos integrados na rede ABALAR, o que permite optimizar a experiencia de uso e o aproveitamento do equipamento co que se dota a estas aulas dixitais (encerado dixital interactivo, ordenador para o profesorado e ultraportátiles para os alumnos).
No 2010 migraron a dita velocidade 91 centros, 26 deles Abalar; e no 2011 veñen de incorporarse a esta velocidade outros 68 centros de ensino, dos que 27 pertencen á devandita rede. Por provincias, 85 dos 159 centros pertencen á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, 18 á de Ourense e 39 á de Pontevedra.
A Consellería de Educación ten ademais previsto migrar en xaneiro de 2012 outros 13 centros a esta velocidade, co fin de continuar a mellorar a conectividade de colexios e institutos públicos.

PUBLICIDADE