15.000 alumnos de 3º e 4º da ESO beneficiaranse dos contidos dixitais de E-Dixgal

martes, 1 de setembro do 2020 Redacción

A Xunta de Galicia mantén unha firme aposta pola transformación dixital da Educación, na que continúa avanzando coa extensión dos contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO. Con este obxectivo a AMTEGA vén de licitar un contrato que permitirá dispoñer de contidos dixitais de dous provedores distintos por cada materia de destes cursos.
Cun importe de 600.000 euros por dous anos, prorrogables outros dous, o contrato beneficiará a preto de 15.000 alumnos duns 130 centros E-Dixgal que imparten 3º e 4º da ESO a partir do segundo semestre do novo curso, que será cando estean dispoñibles estes contidos.
Tamén está previsto incrementar os contidos innovadores Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que facilita aos docentes a creación de contidos empregando tecnoloxías disruptivas en colaboración con empresas tecnolóxicas. Actualmente, estase a traballar en contidos das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas.
A todo o anterior súmanse os contidos do Repositorio Abalar, que xa ofrecen máis de 3.500 recursos en 7 idiomas dispoñibles para alumnos e profesores.

34.000 alumnos con libro dixital o vindeiro curso

Neste curso 2020-2021 serán xa 34.000 os alumnos que estudarán con libro dixital e 470 os centros integrados na iniciativa E-Dixgal para o que se investirán 5,3 millóns de euros, en equipamento, tanto para aulas de Primaria e da ESO como para as de Formación Profesional e en contidos dixitais, gratuítos para as familias.
Con esta previsión a Administración autonómica continúa a avanzar na transformación dixital das aulas, un obxectivo que se marcou en 2010 coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investidos 100 millóns de euros en equipamento, mellora de infraestruturas, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online. Desde a súa posta en marcha Abalar completou a dixitalización de 6.000 aulas de 900 centros, beneficiando a máis de 120.000 alumnos.

PUBLICIDADE